Críticas pola "caótica situación" de mobilidade nas praias de Portocelo e Mogor
![Oskar](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/b40/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/573b7bbf54-perfil.jpg)
Por Oskar Viéitez
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) manifesta a súa "preocupación" pola "situación caótica" que, segundo critican, se vive nas praias de Marín en materia de aparcamento e mobilidade.
A portavoz do grupo municipal, Lucía Santos, informou que a tarde do pasado luns, 24 de xuño, recibiron numerosas queixas denunciando que varios vehículos estaban a ocupar prazas reservadas para persoas con discapacidade, prazas de motos e mesmo invadindo o carril bici. Esta desorde tamén provocou problemas para a circulación do autobús, que tivo dificultades para pasar.
"Calquera sitio parece ser bo para aparcar durante a tempada estival", lamentou Santos.
A voceira nacionalista advertiu que estes estacionamentos ilegais se producen en zonas de dominio público, "evidenciando unha vez máis a despreocupación do goberno local polas necesidades de mobilidade da veciñanza e persoas visitantes da nosa localidade".
A portavoz do BNG subliña que, mesmo estando fóra da tempada alta de turismo, "xa se están a experimentar graves problemas de mobilidade e aparcamento" polo que pregunta "como se xestionará a situación cando a afluencia de visitantes aumente".
Ante esta situación, o BNG insta ao goberno do PP a tomar "medidas urxentes e efectivas" para resolver "un problema que se repite ano tras ano".
Relacionadas:
-
A oposición reclama ao goberno de María Ramallo que solucione a falta de aparcamentos en Marín
Por Oskar Viéitez |
-
As noites de Marín teñen moita vida coa concentración moteira dos Golfiños e a Batalla de Flores
Por Oskar Viéitez |
-
O quiosco da praia de Aguete busca quen o xestione
Por Redacción |
-
O novo responsable do bar de Portocelo pagará 1.250 euros ao mes
Por Redacción |