Os pacientes con ELA xa poden pedir as axudas de ata 12.000 euros que ofrece Galicia
Por Redacción
Ata Pontevedra desprazouse este martes o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, para anunciar que xa se poden solicitar as axudas de ata 12.000 euros coas que poder facer fronte aos coidados que require a condición das persoas con esclerose lateral amiotrófica (ELA).
Rueda visitou, acompañado da conselleira de Política Social, Fabiola García, o domicilio dun dos doentes diagnosticados con esta enfermidade, e beneficiario da convocatoria anterior, para coñecer de primeira man as súas necesidades e as da súa familia.
Alí, o presidente galego destacou que as necesidades das persoas que padecen ELA "son crecentes" e esta situación "moitas veces lévanlles a que sexan unha preocupación case tan grande como a propia enfermidade".
Recordou que os doentes teñen que afrontar numerosos gastos para adquirir produtos de apoio como cadeiras de rodas, para adaptar o fogar ás novas necesidades con melloras, por exemplo, de accesibilidade, ou para recibir atención fisioterapéutica ou de rehabilitación.
A Xunta decidiu poñer en marcha o ano pasado unha orde de axudas específica para os afectados, converténdose na primeira comunidade en facelo, axudas que "só a Xunta de Galicia está concedendo en toda España", subliñou o presidente.
O ano pasado recibiron esta axuda preto de 200 persoas, que poderán volver solicitala nesta convocatoria. Ademais, e como novidade nesta edición, tamén poderán ser beneficiarios os afectados por esclerose lateral primaria e amiotrofia espiral progresiva.
O goberno galego tamén habilitou un proceso clínico para axilizar o diagnóstico e atención dos pacientes con ELA e puxo en marcha unha vía preferente na valoración de dependencia para que accedan ao servizo no menor tempo posible
"Alégrome de que polo menos podamos contribuír a facerlle todo un pouco máis levadeiro e gustaríame que isto tamén se estendera a outras administracións", sentenciou Rueda.