Haberá 88 servizos de bus adicionais á semana entre Sanxenxo e Pontevedra
Por Oskar Viéitez
A Xunta reforza as conexións de autobús entre Sanxenxo e Pontevedra durante os meses de xullo e agosto con 88 servizos adicionais á semana, dos cales 58 serán directos.
Os novos servizos comezan o 1 de xullo para facilitar o desprazamento interurbano nesta área durante a tempada de maior atracción de visitantes.
Para ampliar a capacidade no verán e facilitar viaxes máis cómodas, créase unha liña directa Sanxenxo-Pontevedra pola AP9 e a AG41 na que se activan, cando menos, 58 servizos á semana.
Os servizos directos permiten ofrecer tempos de viaxe reducidos entre estas dúas localidades nas que se rexistra a maior demanda de transporte público, á vez que se asegura unha maior dispoñibilidade de prazas nas expedicións que circulan pola PO-308 e dan servizo ás poboacións intermedias.
Ademais, refórzanse as frecuencias dos servizos que conectan Sanxenxo, Poio e Pontevedra pola estrada PO-308 con 30 novas frecuencias á semana nas horas de maior demanda, 10 delas nunha nova liña Areas-Pontevedra que se manterá todo o ano.
Co conxunto das melloras aprobadas, adicionais ao incremento habitual da oferta de servizos nesta área durante o verán, os usuarios disporán de luns a venres laborables de oito novos servizos directos ao día e catro máis por estrada, mentres nas fins de semana e festivos se engadirán nove servizos directos ao día e outros cinco por estrada.
HORARIOS
En sentido Sanxenxo-Pontevedra, os servizos directos sairán ás 13,50, ás 16,15, ás 17,15 e ás 19,15 horas de luns a venres. Nas fins de semana e festivos os horarios serán ás 11,15, ás 13,15, ás 17,15 e ás 19,15.
Por outra banda, de Pontevedra a Sanxenxo as saídas serán ás 8,15, ás 18,15, ás 20,15 e ás 22,15 horas de luns a venres; e ás 12,15, ás 14,15, ás 18,15, ás 20,15 e ás 22,15 os sábados, domingos e festivos.
Os servizos por estrada sairán de Sanxenxo ás 9,35 (desde Areas) e ás 21,10 horas de luns a venres laborables; e ás 16,50 e ás 20,40 os sábados domingos e festivos. As saídas de Pontevedra serán ás 13,00 (ata Areas), ás 14,30 de luns a venres; e ás 15,10, ás 18,10 e ás 22,10 horas os sábados, domingos e festivos.
Ademais, o servizo da liña O Grove E.A.-Aeroporto Peinador que tiña saída do aeroporto ás 13,30 horas de luns a venres durante xullo e agosto, adiántase ás 13,15 horas, para asegurar unha mellor coordinación da nova configuración da oferta de servizos, ao realizar o treito Pontevedra-Poio-Sanxenxo por estrada.
Os novos servizos aprobados funcionarán de xeito adicional ao incremento establecido nos últimos anos nos servizos entre O Grove, Sanxenxo e Pontevedra principalmente durante xullo e agosto, nos que se reforza a oferta con 28 frecuencias nas fins de semana do verán para atender o aumento da demanda desta época.
A información relativa aos servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.
Relacionadas:
-
Os socialistas denuncian que o bus circular discrimina a Bordóns, Dorrón e a Nantes
Por Oskar Viéitez |
-
Ata 47 actividades diferentes conforman a programación de verán en Sanxenxo
Por Redacción |
-
Día de festa en Poio para celebrar o patrón
Por Oskar Viéitez |
-
58 paradas en dúas liñas circulares e unha lanzadeira conectarán o transporte en Sanxenxo
Por Redacción |
-
A partir do 22 de xuño Sanxenxo estreará un servizo de transporte urbano
Por Oskar Viéitez |