Instalan un novo lucernario no Local Social de Monte Porreiro para acabar coas filtracións de auga
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O Local Social de Monte Porreiro estreou un novo lucernario para terminar coas filtracións de auga que chegaban a asolagar o local en días de moita choiva.
A actuación, acometida polo Concello, atende a unha das peticións realizadas pola Asociación de Veciños O Miradoiro dentro da liña de colaboración aberta coa comunidade veciñal.
Tratábase dunha intervención urxente xa que o anterior lucernario, que se atopa nun corredor e ofrece iluminación natural ao interior do local, atopábase en mal estado debido ao paso do tempo e xa non cumpría a súa función.
Segundo explica o goberno local substituíuse o lucernario por un novo dun material máis resistente e impermeable.
Así, asegura o edil do barrio Alberto Oubiña, esperarase agora a que chova para comprobar que funcione de maneira óptima, e unha vez testado procederase ao pintado do interior do local para eliminar as marcas de humidade.
Esta reparación sumouse a outras xa realizadas como asentar lousas na entrada que estaban movidas, cambio de luces ou a eliminación dunha barreira arquitectónica no exterior que impedía o acceso de vehículos con facilidade.