Unha muller, evacuada a Montecelo tras quedar atrapada entre o seu coche e a parede do garaxe
Por Redacción
Os servizos de emerxencia evacuaron este sábado unha muller tras resultar ferida nun estraño suceso na parroquia pontevedresa de Lérez.
Ocorreu en concreto no lugar do Cruceiro cando ao fío das 16.00 horas da tarde, segundo informa o Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, os servizos sanitarios solicitaron a colaboración doutros equipos de emerxencias ao estar a auxiliar a unha vítima que quedara atrapada entre o coche e a parede do garaxe da súa vivenda. Isto foi o que explicou en primeira instancia o familiar que a localizou.
Debido a iso, explica o 112, solicitouse a colaboración dos Bombeiros de Pontevedra, da Policía Nacional e Local e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Pontevedra.
Con todo os bombeiros indicaron que á súa chegada a muller ferida xa se atopaba liberada, mentres que o persoal sanitario comunicou que puido sufrir un golpe ao quedar o vehículo sen freos.
En todo caso as forzas da orde traballan agora para esclarecer o acontecido.
A muller foi trasladada polo 061 ao Hospital de Montecelo.