"Incerteza" e ausencia total de ingresos a un mes de que abra o marisqueo a pé, pechado desde xaneiro por mortalidade
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
"Incerteza". É a palabra que máis utiliza o sector do marisqueo para definir a súa situación actual. En xaneiro acordaron o peche dos bancos durante tres meses #ante a elevada mortalidade de bivalvos rexistrada no outono. En abril, acordaron renovalo outros tres meses. E agora, tras máis de cinco meses de peche e a menos dun da apertura, a falta de certezas planea sobre a profesión.
Mari Carmen Vázquez, patroa maior da Confraría de Lourizán, e Dolores Moreira -Loli-, presidenta da agrupación de marisqueo a pé, teñen a mirada posta no 22 de xullo, data prevista para a apertura para as profesionais desta modalidade, aínda que o marisqueo á boia acordou prorrogar a parada outros catro meses. Pero tamén teñen moi presentes estes cinco meses transcorridos e a situación delicada que viven xa as e os profesionais do sector, a maioría xa sen recibir ningún ingreso na actualidade.
"O 22 de xullo a decisión é abrir si ou si. Non cabe outra posibilidade", apuntan. E, como elas, todas as confrarías do fondo da Ría de Pontevedra, Lourizán, Pontevedra e Raxó. De feito, nos últimos días xa mantiveron unha reunión para fixar as cotas de fronte ao fin da parada. Acordaron cinco quilos por persoa e día, con medio quilo de ameixa fina nalgunha xornada.
Non poderá ser máis cantidade pola situación actual dos bancos marisqueos. Así, as mostraxes realizadas durante o peche determinaron que en Lourizán teñen moita semente, pero pouco bivalvo en talla comercial. En Pontevedra teñen moita talla comercial, pero pouca semente. E en Raxó está "nas pavías", con total incerteza sobre que se atoparon cando cheguen á praia.
Nalgunhas zonas da Ría a cota podería ser superior, pero todas teñen un mesmo plan de explotación e toman decisións conxuntas. Ademais, non queren elevar as cantidades ata saber exactamente que situación se atoparán, pois son conscientes de que unha cousa son as mostraxes e que vaia unha persoa para recoller esa ameixa e ese berberecho para ver como evoluciona e outra que todo o sector acuda aos bancos.
Ademais, desde a última mostraxe, non saben se recuperou. Así, "ata que vaiamos traballar e movamos o terreo, non sabemos. É como espertalas", de aí esa "incerteza".
En xullo só haberá catro días de traballo, nos que tamén verán como está a situación e poderán organizar o mes de agosto. De momento, queren ser cautos porque "temos que comer o que queda de ano, e o ano que vén, e a semente ten que crecer".
Nestes meses de peche non estiveron paradas. O sector seguiu traballando. "Están a traballarse as praias para que non vaian a menos", explican Mari Carmen e Loli, pois os bancos necesitan movemento e mover o substrato. Realizaron limpezas, cavaron, realizaron traslados de semente, realizaron control do depredador e realizáronse mostraxes para coñecer a situación.
Non estiveron paradas, pero si sen ingresos e están "moi mal" tras cinco meses. Na Ría de Pontevedra hai preto 700 persoas no sector, unhas 465 a pé e 200 á boia. Cada situación é diferente, pero, en xeral, "lévano mal porque é o noso medio de vida". Unha parte teñen unha segunda actividade e fonte de ingresos, pero son a excepción e hai mesmo familias nas que o único ingreso que teñen é deste sector.
As persoas máis veteranas viviron hai anos situacións moito máis delicadas e están, en parte afeitas, e son conscientes de que viven do medio natural e este tipo de catástrofes como a elevada mortalidade do ano pasado sempre están á espreita. Con todo, para as e os profesionais de incorporación máis recente é a crise máis grave que viviron e a desesperación é maior.
Son todas conscientes de que "non é só Pontevedra, é toda Galicia" e de que as confrarías se pelexan coa administración e a burocracia, pero os trámites son longos e tediosos e as respostas non chegan tan pronto como necesitan. Con todo, entendelo non quita que a preocupación vaia en aumento porque as situacións familiares son cada vez máis penosas.
Algunhas tiñan catro meses de cesamento porque acumularan 18 meses de traballo desde e último peche e decidiuse gastar agora tres deses catro meses, pero non todas tiñan ese colchón. Para quen carecía de todo tipo de ingreso e axuda, habilitáronse recursos do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), que, con fondos europeos, compénsanos por tres meses de peche.
Con todo, eses fondos de FEMPA aínda non chegaron, non hai orde publicada para o marisqueo a pé e a previsión é que ata despois do verán non recibirán axudas. "Esperar non gusta" e, ademais, algunhas necesitan os fondos xa. Aínda que se tramitou con Abanca máis unha serie de créditos, non son tampouco a solución.
O resultado: "a xente está desesperada", explican as representantes da Confraría de Lourizán e elas atópanse coas mans atadas porque xa non saben a que portas máis tocar: "Non podemos meter máis presión".
Relacionadas:
-
Permitir o rareo do marisco durante o cese de actividade foi "un acto de xustiza coa xente do mar"
Por Redacción |
-
Xornada de limpeza dos bancos marisqueiros do fondo da ría
Por Oskar Viéitez |
-
A Federación Provincial de Confrarías solicita ao ISM posibilitar tarefas accesorias do marisqueo a pé durante peches forzosos
Por Redacción |
-
A crise de produtividade dos bancos forza o peche do marisqueo
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta está a recoller datos para a solicitude de zona catastrófica para as rías afectadas pola alta mortaldade do marisco
Por Oskar Viéitez |
-
Petición de medidas urxentes á Xunta ante o "imparable descenso" de produción de ameixa e berberecho en Galicia
Por Anxo Lourido |
-
Desesperación na confraría de Lourizán pola elevada mortaldade de marisco provocada por Domingos
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Mari Carmen Vázquez, patroa maior de Lourizán: "O punto Cocheras é fundamental. Queremos que esa zona cero desapareza"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O marisqueo volve á ría cun ollo posto nos efectos das choivas
Por Manu Otero & Mónica Patxot |