Exvotos de cera e cadros con lenda, dous fenómenos únicos en Galicia
Por Mónica Patxot & María José Pita
O que foi secretario técnico do Museo de Pontevedra, José Fuentes Alende, é o autor do libro 'Os exvotos en Galicia. A súa significación na relixiosidade popular'. Un percorrido pola historia e significado duns elementos característicos da relixiosidade popular galega. Este venres 21, ás 19:00 horas, preséntanse no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra os dous volumes desta obra de referencia.
– José Fuentes Alende, que é un exvoto?
Un exvoto é todo aquilo que se lle ofrece á divindade nun momento de perigo (sexa enfermidade, accidente, unha viaxe por mar, un temporal…), pero co firme propósito de cumprilo.
Vén do latín 'ex votum', é dicir, feito por un voto. E existe xa na documentación medieval que persoas deixan nos seus testamentos que lle vaian a tal sitio e ofrezan tal cousa porque o prometeron e ela vaise morrer sen poder cumprilo. Entón, deixa os seus herdeiros esa condición.
– Que tipos de exvotos hai?
O libro leva un subtítulo: "Da cera aos cadros votivos". Os exvotos de cera son os máis coñecidos, e ademais son propios de Galicia. Noutro tempo habíaos noutros lugares pero foron desaparecendo. Podemos dicir que a artesanía da cera en Galicia segue funcionando, case a pleno rendemento, coa finalidade con que foi creada.
Tamén hai figuras de madeira, fundamentalmente pernas e brazos, que os temos na capela de Matamá, en Vigo, dedicada a San Mauro, e na parroquia de Oleiros, en Salvaterra de Miño.
Despois atopámonos con outro tipo de exvotos, xa para o culto. En Pontevedra temos na Basílica de Santa María a lámpada de prata ofrecida polo Gremio de Mareantes que está a alumar o Santísimo. Tamén hai outros obxectos, por exemplo, San Roque, na Ex-colexiata de Cangas, actual parroquia de Santiago, ten unha boa colección de exvotos de prata, fundamentalmente dedos, posiblemente ofrecidos por mariñeiros que se lesionaron coas artes de pesca.
Pero o máis frecuente son as maquetas de barcos. Vou citar unha, no Santuario dos Milagros de Amil, que representa un caiuco senegalés, teño a foto no libro. Non se sabe quen a ofreceu, pero é de supoñer que un refuxiado de Senegal viuse en perigo cando facía a travesía cara a España, ou cando estaba enrolado nalgún barco de pesca, e ofrécese unha reprodución dese caiuco.
– Tamén se representaba a petición e a ofrenda en forma de cadro.
Si. De feito, o segundo tomo está dedicado integramente os exvotos pintados ou cadros votivos. Nestes cadros figura, na parte de arriba, a representación da divindade, a Virxe ou o santo que sexa. Logo, aparece a escena terreal, onde o enfermo ou a familia están impetrando da divindade a axuda para curarse, e logo poden aparecer cumprindo a oferta que fixeron.
Na parte inferior aparece unha lenda, onde consta o nome da persoa, idade, de onde é, ás veces que enfermidade tiña ou por que se ofrecía á Virxe. Estes cadros, dos que teño localizados máis de 160 en toda Galicia, son moi pouco coñecidos e dan moito que investigar, porque alí están pintadas escenas que reflicten o modo de vida, incluso o enxoval, a cama, os mobles, a cociña…
– Do mesmo xeito que os exvotos de cera, os cadros votivos tamén son fenómenos únicos en Galicia?
No 2017 gañei un premio do Concello de Cuntis cunha síntese de 60 folios sobre os cadros votivos. Mandeillos a un profesor de Antropoloxía da Universidade de Sevilla, Salvador Rodríguez Becerra, e contéstame que os cadros galegos eran os únicos de España onde figuraba un texto especificando o que ofrecía a xente.
En Andalucía hai tradición de cadros votivos, e tamén noutros lugares, en menor medida, como Cataluña ou o País Vasco, pero que especifiquen nunha lenda que é o que se lle ofrece, Galicia é o único sitio de España onde consta. Así que niso somos únicos.
– En que santuarios podemos contemplar estes cadros votivos?
O santuario de Galicia que máis cadros ten é o da Escravitude en Padrón. Logo, o da Pastoriza, en Arteixo.
Pola zona de Pontevedra, temos en Cambados un cadro a San Bieito, na igrexa de Fefiñáns. Di na lenda que estando no peirao de Carril, Francisco Antonio de San Martín, capitán da lancha de resgardo, tivo un problema e quedou impedido, por cuxa enfermidade estivo en cama 63 días. Pero o 21 de marzo, día de San Bieito, ofreceuse e untou as partes enfermas co aceite, curouse e mandou facer o cadro para poñelo na igrexa como testemuño da súa curación.
– Ademais destes obxectos, tamén se ofrecían animais vivos ou produtos do campo, que papel xogan dentro desta tradición?
Antes ofrecíase, por exemplo, un par de bois, ás veces co carro, cabalos, tenreiros… Tamén se ofrecía trigo, millo ou centeo. E para iso, tiña que ser o mesmo peso, en tantos quilos de cereal, como pesase o enfermo.
– O exvoto é algo propio da relixión católica?
Non, os exvotos xa existían na Prehistoria. Por exemplo, no Museo de Pontevedra hai unha colección de figuras de terracota procedentes do santuario etrusco de Calvi, na actual Italia. Hai cabezas e figuras de animais, o mesmo que temos agora en cera. Tamén se ofrecían figuras metálicas, así en moitos santuarios prehistóricos da Idade do Bronce aparecen figuras de persoas e de animais.
Na época romana, era frecuente ofrecer aras, que son inscricións en pedra, en latín, onde consta a persoa que o ofrece e o motivo. Por exemplo, hai dúas ofrecidas por Cayus Antonius Florus ás augas termais que foron atopadas en Cuntis.
Nas Cantigas de Santa María aparecen nas viñetas persoas ofrecendo figuras de cera á Virxe para poder ter un fillo
E despois xa na Idade Media, aparecen as figuras de madeira e as figuras de cera. Por exemplo, nas Cantigas de Santa María aparecen nas viñetas persoas ofrecendo figuras de cera á Virxe para poder ter un fillo.
Despois, empezamos cos exvotos pintados e, cando aparece a fotografía a finais do século XIX, vén suplir a estes cadros votivos. Ten o Santuario do Corpiño unha gran colección de fotografías. Hai ás veces simplemente a foto da persoa que pode poñer no reverso o seu nome e o motivo por que, tamén hai fotos de matrimonios o día da súa voda, pedindo para que lles vaia ben na súa nova etapa.
– Cal é a festividade máis próxima para contemplar este costume cos exvotos?
A máis próxima témola aquí, a menos de 5 quilómetros, é San Bieito de Lérez, o 11 de xullo. Aí pódense ver cantidades de exvotos de cera, entre os que podemos citar, aínda que non se ven moi habitualmente, a reprodución de penes e vulvas. Eu, en Lérez, en dúas ocasións, vi no montón xunta ao Santo unha bolsa azul de plástico pechada, non me atrevín a abrila por respecto a quen a ofreceu, porque cando unha persoa ofrece algo nunha bolsa pechada, é que non quere que se vexa, por vergoña.
Non están aí con fins eróticos, por suposto. Tanto a vulva como o pene son membros do corpo humano, e ofrécense por enfermidade ou tamén pedindo a fertilidade. Moitas veces para evitar poñer esas partes, ofrécese a figura humana enteira, que ao final leva implícito todo.
Relacionadas:
-
A Aula CEMIT de Cuntis ofrece máis de 100 horas formativas durante o verán
Por Oskar Viéitez |
-
Cirios con tapa, a solución de Cerería San Román fronte á previsión de chuvia e vento
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
San Bieito de Lérez esgota as botellas de aceite milagreiro ante a demanda de milleiros de devotos
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
Candeas e outras cousas...
Por Oskar Viéitez |