A falta de financiamento que sofre o IES de Poio será debatida no pleno
Por Anxo Lourido
A Comisión de Cultura de Poio analizaba este mércores 19 a denuncia promovida polo BNG sobre a falta de financiamento do IES de Poio para o ensino do ciclo de Guía do medio natural e do tempo libre, que se imparte neste centro.
Os nacionalistas cualifican esta falta de recursos por parte da Consellería de Educación como un exemplo do "abandono do ensino público en beneficio das empresas privadas", situación que entenden afecta ás familias máis desfavorecidas.
O tema vai debaterse no vindeiro pleno de Poio despois de que se teñan realizado protestas no centro por parte de alumnado, profesorado e familias.
O ciclo ofrece módulos específicos que deben impartirse fóra das instalacións e iso provoca un incremento de gastos e de aspectos organizativos e de xestión.
Marga Caldas, portavoz do BNG, explicaba na comisión que o alumnado precisa realizar "prácticas de equitación, natación, socorrismo, paddle ou piragüismo sen contar o centro coas instalacións apropiadas". Esta circunstancia obriga ao aluguer de espazos externos e o centro ten que asumir eses gastos de desprazamento e de aluguer do local e do material.
O BNG reclamará no pleno que se inste á Consellería de Eduucación a destinar unha partida específica para os gastos deste Ciclo Medio.
A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, explicaba no Parlamento de Galicia que nos últimos anos sempre se tiveron en conta as peticións do centro "trasladando fondos", ao igual que sucede con outros tres en Galicia nos que se imparte este ciclo en similares circunstancias.
Anunciaba tamén que este ano está prevista a adquisición de novo equipamento que permitirá dotar ao ciclo ofertado do material preciso cun orzamento superior aos 30.000 euros e terá en conta as peticións e necesidades realizadas polos responsables dos centros.
Ademais, Eugenia Pérez admitía que a Xunta está a analizar as posibilidades de utilización de simuladores virtuais para ofrecer estes ensinos.
Desde o IES de Poio indican a PontevedraViva que, ata este mércores 19, non se recibiu ningunha resposta concreta sobre estes investimentos por parte da Consellería de Educación. Por este motivo, estudan novos actos de protesta se non chega a producirse algunha notificación ao respecto.