Cuntis, protagonista no Encontro de Vilas Termais
Por Redacción
O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, vén de participar na XVII edición do Encontro de Vilas Termais, promovido pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), que se está a desenvolver nesta fin de semana na localidade de Guitiriz, en Lugo.
Cómpre lembrar que o rexedor da vila da comarca do Umia é o actual vicepresidente desta entidade.
Esta cita convócase de xeito periódico para congregar a máis de 50 destinos termais, entre os que se atopa Cuntis, para traballar en aras de potenciar este tipo de oferta turística, cada vez máis consolidado en toda España.
O concello cuntiense non é unha excepción, xa que recibe a un gran número de visitantes durante todo o ano buscando este tipo de experiencias.
O programa deste encontro inclúe charlas e mesas redondas de profesionais e responsables do sector, así como de representantes destes destinos.
No caso de Manuel Campos, como vicepresidente de Vilas Termais, ofreceu unha conferencia sobre a importancia da xeración de experiencias por parte deste tipo de destinos.
O alcalde puxo o foco na importancia que ten esta oferta lúdica, xa que "é unha opción que permite incrementar a capacidade de desestacionalizar o turismo, atraendo visitantes durante todo o ano, sendo un motor económico e dinamizador moi importante".
Outro aspecto no que fixo fincapé Campos Velay é na importancia de traballar para crear sinerxias e liñas de colaboración, "o que nos permite potenciar a oferta e diferenciarnos como destino".
O alcalde de Cuntis reafirmou, unha vez máis, o compromiso do Concello de continuar traballando para que "a nosa vila continúe sendo un referente dentro deste eido no Norte peninsular".
A Rede, que agrupa a case 80 Entidades Locais con Augas Minerais e Termais, está presidida por Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense, e conta cos alcaldes de Cuntis, Manuel Campos Velay, e de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, como vicepresidentes primeiro e segundo.
A Asemblea constituínte, celebrada este sábado, acordou seguir traballando para a mellora da normativa que regula as augas mineromedicinales en España, e impulsando a actividade termal como dinamizadora demográfica do medio rural.
Na Asemblea nomeouse aos 14 Vogais do Consello de Goberno da Sección e confirmou a Vega de Tirados como sede da próxima Asemblea o XVIII Encontro da rede de Vilas Termais.