Superpoboación de gatos e crías mortas por calor, o drama que agocha un pintoresco lugar de Combarro
Por Mónica Patxot & María José Pita
Ao redor dun hórreo de Combarro, na Rúa do Mar, reúnense os gatos dunha colonia que chama a atención por estar nun punto de paso para os centos de visitantes que cada día acoden a unha das vilas de referencia para o turismo.
O que podería parecer unha estampa típica, en realidade, é a imaxe dun problema que, falando cunha voluntaria de Bigotes Felinos de Poio, asombra pola súa crueza.
Silvia Castiñeira aclara, en primeiro lugar, que Bigotes Felinos de Poio non é unha asociación nin unha ONG, senón que "está integrado por veciñas do Concello de Poio ás que nos importan os gatos ferais e que por conta propia e allea a calquera asociación e administración velan polo seu benestar", tal e como se presentan nas súas redes sociais.
A expresión gato feral refírese a aqueles que non están domesticados, é dicir, os coñecidos popularmente como gatos de rúa. O enclave de Combarro que aparece nas fotografías correspóndese coa colonia de gatos que unha veciña, integrante de Bigotes Felinos de Poio, mantén, sacando do seu propio peto os custos do alimento.
Combarro é unha zona que preocupa a estas veciñas polo número de gatos que se refuxian nas súas rúas. "Hai superpoboación. Temos en varios sitios de Poio colonias grandes, entre os dez e os vinte gatos, e non damos abasto, imaxínate o que pode supoñer para unha soa persoa asumir o custo diario da alimentación dunha colonia", comenta Silvia. Pon como exemplo en cifras que un saco de 7 quilos e medio da comida máis barata costa 10 euros, ao que hai que sumar que no verán se necesita complementar con comida húmida, cun gasto dun euro por cada lata.
Entre recadación de fondos e mercadiños, procuraban unha axuda para cubrir parte dese custo. Pero, dende hai un ano, co cambio de goberno municipal, atopáronse cun problema maior: o Concello de Poio deixou de financiar as esterilizacións. "Se non castras aos gatos das colonias, xa te podes imaxinar como se pode multiplicar o número de gatos en pouco tempo".
En Poio, continúa Castiñeira, non hai un censo oficial de colonias porque non existe un servizo específico que se ocupe destes animais. "Falamos varias veces co novo alcalde e prometeunos estudar o tema pero en decembro, cando se aprobaron os orzamentos deste ano, atopámonos coa sorpresa de que destinara a este partida cero euros".
Piden que se retome o CER, método de Captura, Esterilización e Retorno á colonia, co que "castramos centos de gatos co anterior goberno municipal e con recadacións nosas, e tamén sacamos da rúa a centos de cachorros, que tivemos nas nosas casas sen ningún tipo de axuda, todo voluntario".
Para estas veciñas voluntarias, asumir o custo das castracións é imposible. "Unha castración dunha femia iría a 150 euros a prezo de custo, que é ao que nolo deixan varias clínicas de Pontevedra e arredores que están concienciadas co problema; castrar un macho estaría entre os 60 e 80 euros", expón Silvia.
O DRAMA DAS CRÍAS DE GATO
Estas veciñas asisten impotentes a unha nova deriva deste problema.
"Se vén unha vaga de calor, este problema multiplícase"
Ao non poder custear as castracións, aumenta a presenza de cachorros. Unha situación que se tornou dramática o pasado verán cando empezaron a aparecer gatos con pouco tempo de vida mortos.
"Se vén unha vaga de calor, este problema multiplícase", afirma Silvia. Como proba, unha das fotografías que acompañan a este texto.
"É unha foto que nos mandaron dun bebeciño pequeno que apareceu en Campelo, aínda se lle ve o cordón umbilical. A xente mándanos estas fotos desesperada porque están a chamar ao Concello e non lles collen o teléfono, e a Policía Local di que non é da súa competencia. Supoñemos que morreu por un golpe de calor, porque eses días caían os paxaros, por un atropelo non foi".
LEI DE BENESTAR ANIMAL
Lei de Benestar Animal: "corresponde ás entidades locais a xestión dos gatos comunitarios" (art. 39)
Insisten dende este colectivo que o único que piden é que o Concello de Poio cumpra coa Lei 7/2023, do 28 de marzo, de protección dos dereitos e o benestar dos animais, coñecida abreviadamente como Lei de Benestar Animal. No seu artigo 39 enumera as funcións das administracións locais nos seguintes termos: "corresponde ás entidades locais a xestión dos gatos comunitarios, a cuxos efectos deberán desenvolver Programas de Xestión de Colonias Felinas".
Estes programas implican, entre outras cuestións, "a asunción por parte da entidade local da responsabilidade da atención sanitaria dos gatos comunitarios que así o requiran, contando sempre cos servizos dun profesional veterinario colexiado" e "o establecemento de plans de control poboacional dos gatos comunitarios", que inclúe "programas de esterilización dos gatos".
O devandito artigo tamén recolle que "para o cumprimento das obrigacións establecidas na presente lei, as administracións locais poderán solicitar o apoio das deputacións provinciais". Neste sentido, Silvia lembra que varios concellos adheríronse ao programa do centro CAAN da Deputación de Pontevedra para xestionar as colonias de gatos e a esterilización dos mesmos. Habendo esta posibilidade, non entende como o Concello de Poio, sabedor a través das veciñas que forman parte de Bigotes Felinos desta problemática coas colonias do municipio, non se uniu a este programa.