Case 75.000 euros para iluminar Caldas nas festas de verán e no Nadal
Por Redacción
"Queremos que as rúas de Caldas estean cheas de vida", asegura o goberno municipal. De aí que tomaran a decisión de incrementar o orzamento para a iluminación pública para as festas de verán e de Nadal. A este fin destinarán este ano case 75.000 euros.
O tenente de alcalde, Manuel Fariña, destaca que a subida do orzamento ten como obxectivo mellorar a decoración festiva e o embelecemento dos espazos públicos da vila termal.
Buscan así contribuír ao impulso turístico e comercial, fomentando a actividade económica da vila mediante unha iluminación "singular e innovadora" que resulte atractiva tanto para a veciñanza como para as persoas visitantes.
Ademais, o Concello quere fomentar a innovación e a sustentabilidade a través do uso de novas tecnoloxías máis eficientes.
Para elixir a empresa adxudicataria valoraranse as mellores ofertas económicas, pero tamén se terán en conta as propostas e deseños que dean personalidade propia a cada espazo.
Así, o tenente de alcalde lembrou que na pasada edición das festas de Nadal as bólas de neve, os arcos variados, o gran pingüino da Praza José Sexto Casal, o paraugas de luces que se puxo na Plazuela ou o 'photocall' situado da Praza das Palmeiras foron un éxito entre a veciñanza.
O nacionalista subliñou a mellora e a eficacia do investimento para iluminar máis de 40 rúas, prazas e xardíns, engalanando o espazo público e facendo de Caldas unha vila de referencia.
Detallou que no contrato non só se inclúe a subministración e montaxe dos elementos (arcos, rótulos, grilandas e outros obxectos en tres dimensións), senón tamén os traballos previos para a súa posta en marcha, o mantemento e a desmontaxe e retirada.
Para Fariña, sacar a licitación o contrato da iluminación festiva nestes momentos supón adiantarse con respecto a outros anos e dispoñer de tempo suficiente para valorar a calidade das propostas "coa calma que merece un elemento tan importante para as festas da vila".