Ambulancias Civera continúa co servizo de transporte programado en Pontevedra ao quedar deserto o concurso
Por Anxo Lourido & Mónica Patxot
Este luns 20 ás 14.00 horas pechouse o prazo para presentar ofertas no concurso de adxudicación do servizo de transporte programado de ambulancias para a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Non se presentaron empresas.
Como consecuencia, Ambulancias Civera, actual adxudicataria, seguirá realizando este transporte ata que o Servizo Galego de Saúde volva convocar un novo concurso. Trátase da segunda vez en que o concurso queda deserto.
Xavier Aboi, representante do sindicato CIG, entende que é necesario un maior investimento económico por parte da Xunta de Galicia para resolver esta ausencia de empresas interesadas no concurso. "Con sete ou oito millóns de euros resolven a situación actual deste servizo en Galicia", comenta o sindicalista, que recoñece que "coas actuais condicións non se presenta ninguén".
"Empresas interesadas e serias de aquí hainas", asegura Aboi reclamando unhas mellores condicións de cara a unha nova licitación do servizo.
Durante os últimos meses repetíronse situacións de conflito laboral en Ambulancias Civera, empresa valenciana, polas condicións en que traballa o persoal e con atrasos no pago das nóminas, entre outras denuncias que realizan os traballadores.
Indican que .na actualidade, doce ambulancias dunha frota de menos de corenta vehículos que posúe a empresa para realizar os servizos de transporte programado na área sanitaria permanecen en reparación en distintos talleres da comarca.
Relacionadas:
-
Suspensión da folga en Ambulancias Civera debido á aplicación de melloras por parte da empresa
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Volven as protestas laborais para reclamar a Ambulancias Civera que cumpra os acordos co Sergas
Por María José Pita & Mónica Patxot & Anxo Lourido | Creada e actualizada
-
O Sergas prepara un novo contrato para o servizo de ambulancias en Pontevedra e O Salnés
Por Oskar Viéitez |