Tes ideas sobre como renovar o pavillón universitario? Podes gañar 2.000 euros
Por Redacción
O alumnado do campus de Pontevedra da Universidade de Vigo poderá facerse cun premio de 2.000 euros ao tempo que axuda a renovar a imaxe do pavillón universitario. Será a raíz dun concurso de ideas e de execución dun mural en dúas das paredes exteriores desta instalación deportiva que convoca a Vicerreitoría.
O resultado final deste certame permitirá dotar dun novo aspecto a "dúas fachadas de formigón enormes, que ata hai non moito tempo estaban a servir coma soporte para cartelería de todo tipo", apunta a responsable da Área de Extensión Cultural, Deportiva e de Comunicación do campus, Ana Belén Fernández Souto. Concretamente, trátase da fachada lateral da instalación na rúa Padre Gaite, de 46 metros de longo, e do muro do pavillón que se atopa na rúa Cruz Vermella, de máis de 30 metros de lonxitude.
O concurso convócase coa idea de facer máis recoñecible e identificable o pavillón universitario e, ao mesmo tempo, contribuír a dar proxección á creatividade do alumnado e poderá concorrer, tanto de xeito individual como por grupos, todo o estudantado do campus pontevedrés, que dispón de prazo ata o 22 de abril para presentar as súas propostas.
Ana Belén Fernández Souto destaca que un dos obxectivos centrais deste certame é contribuír a "identificar o pavillón e dotalo de maior visibilidade, xa que detectamos que non só a cidadanía de Pontevedra senón mesmo parte da comunidade universitaria non o recoñece como un dos edificios da Universidade no campus".
Ademais da execución do proxecto artístico gañador deste certame, a Vicerreitoría tamén proxecta levar a cabo "outra serie de medidas de identificación do pavillón, tanto no interior coma no exterior do edificio", que contribúan dotar a esta instalación deportiva de personalidade propia.
A temática dos proxectos deberá xirar arredor da actividade deportiva, como se recolle nas bases deste concurso, no que o xurado valorará tamén a integración da proposta na contorna. Así mesmo, tamén será avaliada a adecuación do proxecto ao orzamento asignado para a execución da obra, de 5.000 euros, e a viabilidade da súa construción material.
A este respecto, Fernández Souto subliña que se trata dun certame "de técnica libre, no que os proxectos non teñen que ser necesariamente unha pintura, senón que se pode apostar por calquera outra fórmula, sempre e cando sexa perdurable no tempo". Segundo se recolle nas bases, o proceso de materialización da obra sobre as paredes do pavillón correrá a cargo da persoa ou equipo gañador e deberá executarse antes do 30 de xuño do presente ano.