O Parlamento galego debate sobre os problemas causados polo vial de Montecelo
Por Oskar Viéitez
A comisión de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento de Galicia debateu este xoves unha proposta da parlamentaria socialista Paloma Castro sobre os problemas provocados pola construción da vía de acceso ao Hospital Montecelo.
Os socialistas esixía á Xunta e ao Concello de Pontevedra que "deixen de tirarse a pelota uns aos outros e resolvan un problema serio para os veciños e veciñas de Mourente", recordando que coa obra inhabilitaron a entrada ás fincas.
Así, Castro esixiulle ao Partido Popular e ao goberno galego que "asuman as súas responsabilidades e deixen de botar balóns fóra".
En resposta á súa intervención, a deputada do grupo Popular Dolores Hermelo lembrou que, segundo se recolle no convenio asinado entre a Xunta e o Concello de Pontevedra, correspondía ao Concello a construción do novo viario, que é quen elaborou o proxecto e o executou, "limitándose a administración galega a realizar as expropiacións necesarias".
"Vostedes eran coñecedores e parte responsable de cumprir co recollido no convenio de colaboración entre o Concello e a Xunta para a construción e as modificacións necesarias neste viario, como parte, desde fóra, do goberno municipal", dixo a deputada do PP.
Ademais, Hermelo dixo que "os veciños quedaron en presentar as súas demandas sobre as posibles melloras neste viario, ante as que a Xunta se comprometeu a realizar as expropiacións que fixeran falta e o Concello a executar as obras imprescindibles para facilitar os accesos ás súas propiedades".
Montserrat Prado, representante do BNG, sinalou que "desde o Concello déronse todas as facilidades para que este hospital sexa unha realidade". O Concello de Pontevedra tiña recomendado que se expropiasen tres metros máis pero a Xunta non fixo caso.
Tamén dixo que esa "colaboración e lealdade institucional" por parte do Concello reflíctese tamén na execución dese vial e insistiu en que a Consellería de Infraestruturas redactará un novo proxecto para corrixir as deficiencias e tamén se fará cargo das expropiacións para facer unha pista de servizo que garanta o acceso ás leiras que quedaron sen paso por mor desta actuación, cuxo deseño correrá a cargo do Concello.