Alumnos de Criminoloxía da UNED inician por cuarto ano prácticas na Policía Local de Poio
Por Redacción
Por cuarto ano consecutivo a Policía Local de Poio e a UNED de Pontevedra poñen en marcha un convenio de colaboración.
Grazas a el tres alumnos universitarios de Criminoloxía colaborarán cos axentes en analizar os índices de delincuencia do municipio.
Segundo sinala a policía municipal, as prácticas comezaron esta semana e prolongaranse ata finais do mes de maio baixo a supervisión do xefe de Policía Local, titulado en Criminoloxía, e en estreita colaboración cos axentes.
O obxectivo é, en base aos datos dos delitos coñecidos pola Policía Local, estudar os lugares máis conflitivos, o perfil dos autores e plantexar posibles medidas preventivas.
"Esta axuda resulta decisiva e moi importante á hora de poder investigar casos vinculados a cuestións de criminoloxía viaria, violencia de xénero ou conflitos de carácter familiar ou nos que estean implicados menores", sinalan desde o corpo de seguridade.
Outro punto que se aborda é a investigación de accidentes, analizando os informes técnicos de sinistros con feridos para determinar posibles puntos negros de sinistralidade a nivel local.
Neste aspecto a Policia Local de Poio lembra que conta cun Equipo de Investigación en Delincuencia Viaria (EIDEV) que "permite que os axentes titulados realicen informes criminolóxicos nas funcións específicas da policía xudicial de tráfico". Esta unidade permite "conseguir unha maior axilización á hora de actuar sobre os delitos, encamiñado a aplicar aos condutores multirreincidentes as medidas oportunas de sensibilización e reeducación".