A Ponte dos Tirantes, menos carrís de circulación e máis espazo para peóns e ciclistas
Por Alejandro Espiño
Menos carrís de circulación para os vehículos e máis espazo para peóns e ciclistas. Son as liñas básicas do proxecto de mellora da accesibilidade e mobilidade da Ponte dos Tirantes. A súa obra foi adxudicada pola Xunta de Goberno local a Construcciones Crespo. O proxecto, no que se investirán 206.000 euros, podería comezar de forma inmediata. O seu prazo de execución é de dous meses.
Segundo explicou o voceiro municipal, Raimundo González, trátase dunha actuación "moi necesaria e que precisaba de certa premura", ao ser unha zona na que se adoitan producir certos accidentes de circulación. Algo debido, precisamente, á súa mala ordenación como consecuencia do crecemento urbanístico nesa zona da cidade.
En concreto, a nova Ponte dos Tirantes contará cun carril menos de circulación, o máis próximo a Tafisa. Será destinado ao tránsito peonil, ensanchando a beirarrúa existente na actualidade, e ao ciclista, cun carril bici que dará continuidade ao que existe na actualidade na Avenida de Bos Aires. Quedará pois con dous carrís de entrada á cidade e un de saída.
Dentro desta actuación inclúese ademais a reordenación do tráfico na rotonda de Tafisa. Vindo de Monte Porreiro, o proxecto contempla a supresión dos dous carriles máis próximos ao río. Pasarán a ser zona verde e permitirán dar continuidade á senda peonil e ciclista que agora acaba abruptamente nas inmediaciones da ponte. O tráfico canalizarase pois polos dous carriles máis próximos a Tafisa, que pasarán a ter dobre sentido.
Outras obras adxudicadas
Ademais, a Xunta de Goberno deu luz verde ás obras de rehabilitación integral da estrada que une, en Lourizán, a granxa de Montero Ríos con O Regueiriño, na que se investirán 204.000 euros; e a diferentes obras en Mourente e Cabaleiro (Campañó), coas que se completará o saneamento do rural en ambas parroquias.
E en canto a medidas de austeridade, o Concello de Pontevedra anunciou a contratación dun novo servizo de telefonía fixa, móbil e de datos. Fronte aos 230.000 euros que, anualmente, gasta o goberno municipal nestes servizos, preténdese reducir aos 201.000 euros. Trátase dun contrato de catro anos, "que esperemos que se abarate aínda máis durante a súa licitación".