Convocan un concurso para elixir o cartel das Festas de San Xoán de Poio
Por Redacción
O Concello de Poio convocou un concurso para seleccionar o cartel das próximas Festas de San Xoán.
Trátase dunha iniciativa dirixida a mozas e mozos empadroadas ou escolarizadas nalgún dos centros de ensino do municipio, que poderán presentar unha única obra de maneira individual ou en grupo.
No concurso establécense catro categorías diferentes divididas por idade: de 5 a 8 anos (categoría A), de 9 a 11 (Categoría B), de 12 a 13 (Categoría C) e de 14 a 17 (Categoría D).
O xurado decidirá un gañador por cada categoría, e entre as catro propostas escollerase o deseño co que se promocionarán as festas deste ano, previstas do 22 ao 26 de xuño.
Ademais dun agasallo conmemorativo, os gañadores recibirán como recompensa un vale de compra en librerías locais.
Os traballos deberán entregarse ata o 16 de maio en calquera dos centros educativos de Poio no propio Concello, acompañados dun sobre cos datos persoais de cada participante. O gañador ou gañadores darase a coñecer o día 21 de maio.