Os socialistas requiren "explicacións urxentes" polo "peche con nocturnidade" da oficina de turismo do Mosteiro de Armenteira
Por Redacción
As monxas do Mosteiro de Armenteira atopáronse este venres coa Oficina de Turismo pechada e desmantelada: "leváronse as mesas, cadeiras, o mostrador e ata as estanterías sen que ninguén dixera por que".
Ante esta situación, o Grupo Provincial do PSdG-PSOE instou ao presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, a dar "explicacións urxentes" posto que se trata "dunha das oficinas máis relevantes da Rede Info Rías Baixas e de xestión directa da propia institución provincial".
Con motivo de este suceso, a portavoz socialista, Ana Laura Iglesias, visitou este sábado o Mosteiro acompañada do deputado Javier Mougán e da alcaldesa de Meis, Marta Giráldez, e manifestou que "resulta indignante que fixeran semellante desfeita con nocturnidade e aleivosía" xa que as monxas, tal e como indicaron os socialistas, fixeron chegar ao goberno provincial a súa intención de renovar o convenio que o Mosteiro ten coa Deputación e nunca tiveron contestación.
Giráldez, pola súa banda, cualificou de "intolerable" a actuación da Deputación ao non comunicar nada ao Concello nin dar explicación "deste peche insólito" dunha oficina "no lugar máis emblemático da comarca, con gran movemento, deixando desasistido ao turismo e ás persoas peregrinas que se achegan á Catedral do Salnés".
Trátase dun feito "incomprensible" e reivindican a súa reapertura "inmediata polo enorme dano que fan á nosa comarca". A alcaldesa mostrou tamén a súa incredulidade polas formas coas que o goberno provincial actuou co desmantelamento "sen avisar a ninguén".
Por ese motivo, os representantes do PSOE esixen ao goberno da Deputación que "explique de forma inmediata" as razóns do ocorrido ademais dunha "desculpa pública por como o fixeron".
Relacionadas:
-
Entrega dos diplomas 'Q de Calidade' a Sanxenxo e ás oficinas turísticas da Deputación
Por Redacción |
-
14 tótems na provincia xa proporcionan información turística en tempo real
Por Redacción |
-
O mosteiro de Armenteira súmase á dixitalización do 'Tourist Inside'
Por Redacción |
-
As oficinas de información turística Rías Baixas suman outros dez distintivos "Q de calidade"
Por Oskar Viéitez |