O programa Apego renova o seu compromiso coa crianza dos nenos en galego
Por Redacción
Familias con fillos e fillas de ata 6 anos -ou mesmo as que están agardando un novo membro- son as destinatarias do ciclo de actividades que o programa Apego impulsará en Pontevedra durante toda a primavera.
Esta iniciativa, impulsada pola área municipal de Normalización Lingüística, busca divulgar recursos que sirvan para activar ou enriquecer a lingua que se fala en familia coas crianzas, e tamén para promover espazos de socialización en galego para as familias.
Todas as actividades son de balde, pero precisan de inscrición previa a través de https://apuntate.pontevedra.gal/, xa que contan con prazas limitadas.
O programa consta de actividades programadas en distintos espazos da cidade, con diferentes opcións de 0 a 6 anos; obradoiros de arrolos, de creación de monicreques, para experimentar coa cianotipia ou para xogar.
Luís Prego, Migallas Teatro, Cé Orquestra Pantasma, Miudiño ou a Fundación Legar son algunhas das entidades que guiarán as distintas sesións.
Tamén se inclúe un ciclo de actividades fóra da cidade, en distintas parroquias, para familias con nenos e nenas a partir de 3 anos: Oficios e saberes estará guiado por Ab Origine Antropoloxía e por Polo Correo do Vento, co acompañamento musical de Antón Ke.