Oito andainas polas parroquias de Pontevedra, nova proposta de PonteAndadas 2024
Por Oskar Viéitez
Despois de sete edicións, as PonteAndadas convertéronse nunha cita imprescindible para moitos pontevedreses. Ata 1.475 persoas apuntáronse durante o ano pasado para participan nas distintas andainas propostas.
Para este 2024 serán oito andainas as deseñadas polo Club de sendeirismo Naturgaliza e que este martes foron presentadas nunha rolda de prensa no Concello de Pontevedra.
Segundo destacaron Juan Romero e Javi Piñeiro, responsables de Naturgaliza, as PonteAndadas fomentan o deporte e a saúde, tanto física como mental. "Aquí non se gana ningunha carreira, nin ninguén vai presionar a nadie para que vaia máis rápido ou máis lento", recalcaron sobre esta actividade "asequible" na que "cada un pode ir ao ritmo que considere oportuno" á vez que se descobren lugares do municipio que son pouco coñecidos e que merece a pena poñer en valor.
Este ano, como novidade, os organizadores facilitarán aos participantes que o desexen unha bolsa e luvas para ir recollendo aquel lixo que se atopen tirado polo camiño.
Outro valor destacado das Ponteandadas é "a socialización da xente nas andainas" na que o 65% son mulleres e a media de idade está ao redor dos 50 anos.
O primeiro dos roteiros está previsto para o domingo 21 de abril. É a "PonteAndada Primavera" que percorrerá a parroquia de Santo André de Xeve. A actividade comezará ás 9:30 horas cun quecemento con zumba para comezar a andar ás dez da mañá polo paseo fluvial do río dos Fontáns. Trátase dun percorrido circular cunha dificultade media-baixa que se completará nunhas 3 horas.
Para o domingo 12 de maio está programada a "PonteAndada Os tres ríos" que visitará a parroquia da Canicouva. Tras o quecemento a ritmo de zumba os camiñantes sairán da igrexa de Santo Estebo nunha camiñada que tamén ten un percorrido circular cunha dificultade media-baixa e que se completará nunhas 3 horas.
Repetindo este mesmo esquema seguirá a "PonteAndada Salgueiral - Bora" sinalada para o domingo 16 de xuño e a "PonteAndada Montuna - Monte Carrasco", esta para o domingo 30 de xuño.
Singular é a camiñada prevista para o sábado 14 de setembro que será unha "PonteAndada Nocturna" cun percorrido semi urbano, pois sairá ás oito da tarde desde o Palco da Música da Alameda tras impartir unhas nocións básicas de iniciación á marcha nórdica. Esta será un roteiro con dificultade baixa para completar nunhas 2 horas.
De novo co esquema habitual (quedada ás 9.30 horas, quecemento con zumba, dificultade baixa e tres horas de marcha) prográmanse a "PonteAndada do Magosto - A Meán (Lérez)", para o domingo 20 de octubro con saída desde o Pavillón Municipal de Deportes; a "PonteAndada do cogomelo" para o domingo 17 de novembro atravesando os terreos de Tafisa ata chegar a Mourente e cunha charla sobre cogomelos incluída e a "PonteAndada solidaria de inverno", que será o domingo 15 de decembro por Salcedo e San Brais con saída do Pavillón de Cabanas e que inclúe un donativo por parte das persoas participantes de produtos non perecedoiros para o Banco de Alimentos.
As inscricións téñense que facer no correo electrónico ponteandadas@gmail.com ou no teléfono 625 482 636 ou presencialmente na tenda "Naturcamiña" nas Galerías Peregrina, número 3. Por participar na camiñada hai que pagar 2 euros para o seguro.