O aparcadoiro de Xoán XXIII volve a mans do Concello de Vilagarcía, que asume tamén a xestión directa das instalacións
Por Oskar Viéitez
O Concello de Vilagarcía volve a ter a plena titularidade do parking soterrado da Praza Xoán XXIII. Situado a carón da Casa Consistorial, este aparcadoiro conta con 9.269 metros cadrados de superficie distribuídos en tres sotos de 2.300 metros cadrados cada un. A súa capacidade total é de 242 prazas.
A recuperación das instalacións e da prestación do servizo materializouse ás 13.30 horas deste luns coa celebración do acto administrativo de reversión e entrega do aparcamento, no que os representantes do Concello e da administración concursal de Proínsa, a concesionaria ata hoxe, asinaron a acta de recepción. Así pois, tras un longo proceso que levou varios anos, o parking regresa á administración municipal, que o xestionará como un servizo público con marcado interese social.
A acta de recepción foi asinada polo alcalde, Alberto Varela, en representación do Concello, e por Luis Pérez González e Fernando Martínez, de Interventum Concursal SLP, como representantes da administradora de Proinsa. A secretaria xeral do Concello, Rosa Losada, deu fe da sinatura no acto que contou coa asistencia do interventor accidental, do arquitecto municipal e dos xefes dos servizos de Contratación, Informática, Alumeado e Emerxencias do Concello. A sinatura realizouse despois de entregada e revisada toda a documentación polos asesores xurídicos de ámbalas dúas partes. Tras o acto administrativo, o alcalde e os representantes de Proinsa visitaron o párking.
O estacionamento público segue operativo e co persoal subrogado a Proinsa. Nesta primeira fase continuarán aplicándose as tarifas actualmente en vigor ata que o Concello concrete as bonificacións que pretende introducir, xa que a intención do goberno local coa xestión directa do parking non é a procura de rendemento económico, senón social. Por esta razón contémplanse medidas como establecer unha primeira hora de uso gratuíto que favoreza a rotación das prazas. E tamén se abordará con colectivos da cidade, como a asociación de comerciantes e hostaleiros Zona Aberta, a posibilidade de ofrecer tarifas bonificadas aos seus clientes como medio para favorecer a actividade nestes sectores.
O Concello traballará tamén na liquidación definitiva da resolución da concesión a Proinsa, un asunto que ao goberno local gustaríalle resolver de forma acordada entre as partes e non tendo que chegar á vía xudicial. Neste punto, e tal como o Concello fixo constar na acta de recepción, a concesionaria non cumpriu a condición esixida no contrato asinado no seu día de devolver as instalacións "en perfecto estado de conservación e mantemento", e tampouco se aveu a asumir o importe das reparacións dos danos existentes debido á falta de mantemento durante anos. Así as cousas, o custe destas obras negociarase na liquidación da concesión, restándose da cantidade a abonar polo Concello.