Identifican seis persoas por unha pelexa multitudinaria con vasos, cadeiras e tiróns de pelo en Méndez Núñez
Por Natalia Puga
A Policía Nacional de Pontevedra identificou seis persoas pola súa implicación nunha pelexa multitudinaria rexistrada na noite do domingo na praza de Méndez Núñez, na que voaron cadeiras e vasos e houbo agresións como tiróns de pelo e patadas.
Varias patrullas policiais acudiron á praza sobre as 22.35 horas tras unha primeira chamada na que unha muller relatou que un home ao que coñecía agredíraa. Relataba que ela estaba coa súa filla e o home con outras mulleres.
Unha vez no lugar, ata onde foron tamén axentes da Policía Local, os policías comprobaron que se trataba dun enfrontamento entre dous bandos e acabaron identificando a seis persoas, cinco mulleres e un home de 41 anos.
A pelexa foi multitudinaria e dela circulan numerosos vídeos en redes sociais nos que se ve o cariz que tomou o enfrontamento.
Todo comezou na terraza dun local e, como resultado do ocorrido, o seu propietario reporta importantes danos e cadeiras e vasos rotos. Ademais, foron sen pagar as consumicións.
Ata a praza de Méndez Núñez desprazáronse patrullas de policías e tamén ambulancias, pero, segundo a información facilitada pola Policía Nacional, ninguén quixo recibir asistencia médica.
As persoas implicadas presentaban, sobre todo, rabuñadas e raspadas e nas inmediacións apareceron guechos enteiros de pelo arrincados.
Ademais, ningunha das persoas implicadas quixo presentar denuncia. Si anunciou a súa intención de denunciar o propietario do local afectado.