A campaña para controlar o uso do cinto no coche finaliza con 27 denuncias por manexar o móbil ao volante
Por Redacción
A Dirección Xeral de Tráfico poñía en marcha unha campaña entre o 11 e o 17 de marzo que en Pontevedra contou coa colaboración do Concello. O obxectivo era controlar o uso de cintos de seguridade e outros sistemas de retención no interior dos vehículos.
A intervención da Policía Local realizouse con 2.870 controis a vehículos para comprobar os sistemas de retención de todas as persoas que viaxaban, que deron como resultado nove denuncias a persoas que non utilizaban o cinto durante o traxecto.
Destes controis extráese o dato de que os 38 taxis e 30 autobuses supervisados cumprían a normativa vixente no emprego do cinto. De 2.590 controis en turismos só un condutor non empregaba o cinto de seguridade e tamén se detectou só a un condutor de transporte de mercadorías sen empregar este sistema de seguridade.
Nos asentos dianteiros de viaxeiros controláronse a 800 persoas en todos os vehículos. 746 que viaxaban en turismo levaban cinto e cinco incumprían a norma. En autobuses tramitouse unha denuncia por esta mesma causa. Nos nove taxis controlados con persoas no asento dianteiro e nos 39 vehículos de mercadorías parados pola Policía Local non se detectaron infraccións.
En canto aos sistemas de retención infantil adaptados á altura e peso de menores, controláronse 137 instalados en asentos dianteiros e traseiros de turismos. Tramitouse unha denuncia porque non se utilizaba un asento homologado nun asento traseiro dun turismo, segundo indica o Concello de Pontevedra.
Pero os axentes detectaron tamén a utilización de dispositivos móbiles ao volante. Este operativo supuxo un importante número de denuncias durante eses sete días. En total tramitáronse 27 por manexar o teléfono mentres se conducía.
A estes datos súmanse seis denuncias máis por consumo de substancias estupefacientes durante as xornadas da campaña.
Eva Vilaverde, concelleira de Seguridade Cidadá, considera importantes estas campañas para concienciar ás persoas que utilizan os vehículos na relevancia dos elementos de retención no caso de producirse un accidente. Entende que este uso está moi "interiorizado" pola maioría dos condutores. Pola contra, considera "preocupante" o uso do teléfono móbil entre as persoas que conducen.
Relacionadas:
-
Un total de 121 condutores e pasaxeiros foron denunciados na provincia por non levar posto o cinto de seguridade
Por Oskar Viéitez |
-
Tres nenos resultan feridos nun accidente en Ribadumia con catro vehículos implicados
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Accidente múltiple na autoestrada á altura de Alba cunha ducia de vehículos implicados e varias persoas feridas
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
"Podemos crer que un só segundo non vai afectar á nosa capacidade de control do vehículo, pero non é certo"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O 6% dos condutores con permiso foron sancionados o ano pasado na provincia
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |