Barro celebrará en abril a primeira Feira do San Amaro
Por Redacción
O Concello de Barro, a comunidade de montes da Portela e o Grupo de Danzas Amor Ruibal impulsan a celebración da primeira Feira do San Amaro, que terá lugar os días 6 e 7 de abril.
O tenente de alcalde José Sanmartín, explicou que "a idea é encher de actividades a Praza de San Amaro", un espazo renovado pola Deputación e lugar de paso dos peregrinos que realizan o Camiño de Santiago.
O sábado 6 de abril, ás 11 horas, abriranse os postos da feira onde se poderán mercar productos de alimentación, antigüidades e artesanía e da man da Asociación Revolto Artesán Galego.
Ás 11.30 horas oficiarase a Misa do Peregrino e, de seguido, haberá exhibición de oficios tradicionais e a actuación do grupo de gaitas Amor Ruibal.
Está previsto que a feira conte cunha pulpeira. Ademáis, o público asistente poderá xantar ou cear nos dous establecementos hostaleiros ubicados na zona, o Mesón don Pulpo e A Pousada do Peregrino.
Xa pola tarde, ás 17 horas celebrarase a I Xuntanza de Pandereteiras Amor Ruibal coas Cantareiras Bulideiras de Vilagarcía e os grupos de Pandereteiras de Nogueira de Meis, do Ronsel de Poio e as anfitrionas de Amor Ruibal de Barro.
A xornada pecharase ás 21 horas coa actuación do grupo Pequeña Gran Compañía.
O domingo 7, tras a alborada e tirada de bombas de palenque pola parroquia, volverá a abrir a Feira ás 11 horas. Ás 13 horas celebrarase a Misa de San Amaro e rematará o programa con sesión vermú a cargo do Grupo de Gaitas e Danzas Amor Ruibal.
Relacionadas:
-
A Feira do San Amaro concentra as actividades no domingo ante a previsión de choiva para o sábado
Por Redacción |
-
A Festa dos Maios homenaxeará a persoas que contribuíron a manter esta tradición en Poio
Por Redacción |
-
O Concello de Barro paraliza a execución dunha plataforma para transporte de aeroxeradores
Por Redacción |