O Museo de Pontevedra e o castelo de Soutomaior terán puntos de recarga de vehículos eléctricos
Por Oskar Viéitez
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, compareceu este luns en rolda de prensa para dar conta dos asuntos abordados na Xunta de Goberno celebrada esta mañá na que se mobilizaron 2,2 millóns de euros en materia de mobilidade sostible, deporte, turismo e investimentos en concellos.
Así, Luis López informou que se aprobou o proxecto para dotar ao Castelo de Soutomaior e ao Museo de Pontevedra de puntos de recarga de vehículos eléctricos, cun investimento que ascende a 40.000 euros. Estas novas instalacións únense ás outras seis que xa aprobaron no mes de outubro con investimento preto de 290.000 euros no Centro Príncipe Felipe, no viveiro de empresas que hai no polígono industrial de Barro.
No caso do Museo, o punto de recarga estará localizado no peirao de carga e descarga que existe no Edificio Castelao con acceso de entrada e saída a través da rúa Padre Amoedo Carballo de Pontevedra.
O goberno provincial tamén aprobou o expediente de contratación por 179.000 euros do patrocinio do partido clasificatorio do Campionato de Europa feminino de balonmámn España-Acerbaixán o 7 de abril no Porriño e do patrocinio do partido clasificatorio do Campionato do Mundo masculino de balonmán España-Serbia, o 8 de maio en Lalín.
STAND DE TURISMO
A Deputación de Pontevedra tamén contratou por 275.000 euros a stand para que Turismo Rías Baixas participe en feiras e certames con espazo propio.
Luis López indicou que o obxectivo é "promover, difundir, promocionar todo o que son os produtos, experiencias, recursos e servizos turísticos da nosa provincia", ademais de potenciar ás Rías Baixas como destino turístico a nivel nacional e internacional e tamén "servir de canle de información, de intermediación, para favorecer as relacións entre os sectores profesionais do turismo".
Deste xeito, ao longo do 2024, está previsto que a Deputación de Pontevedra conte cun espazo propio en eventos como o Forum Gastronómico (A Coruña, do 7 ao 9 de abril), Turexpo Galicia (Silleda, do 30 de maio ao 2 de xuño), Termatalia (Ourense, no mes de novembro), Etiqueta Negra (Pontevedra, do 9 ao 11 de novembro) e, entre outras, Fairway (novembro).
PLAN + PROVINCIA
O Plan +Provincia mobiliza investimentos por preto de 1,7 millóns de euros. Son preto de 910.000 para os concellos de Arbo, Covelo, Cerdedo-Cotobade e Lalín, enmarcados na liña 1 de investimentos. No que se refire á liña 2, de gasto corrente, son preto de 290.000 euros que beneficiarán a Moaña, Silleda e Vilagarcía de Arousa. E 570.000 euros para a contratación de 54 persoas desempregadas en 4 concellos, na Estrada, Catoira, Meaño e O Grove, isto é a liña 3, de activación de emprego.
Relacionadas:
-
O Museo de Pontevedra premiará os mellores microrrelatos en formato audiovisual con ata 3.000 euros
Por Redacción |
-
O Museo de Pontevedra recibe en doazón dous cadros de Manuel Abelenda
Por Redacción |
-
A mellora dos campos de fútbol de Poio e Cerdedo-Cotobade custará preto de 100.000 euros
Por Redacción |
-
Avanzan na mellora da iluminación na estrada entre Borela e Almofrei
Por Redacción |