Ponte Caldelas cambiará as cubertas da casa consistorial e da casa da cultura
Por Redacción
O goberno municipal de Ponte Caldelas investirá case 200.000 euros en dúas actuacións que servirán para mellorar a eficiencia enerxética da casa consistorial e da casa da cultura.
Ambas obras, que o Concello xa sacou a licitación, pagaranse con fondos europeos.
No caso da casa consistorial, os traballos consistirán no cambio de cuberta e a substitución da actual caldeira de gasóleo por unha de biomasa. Teñen un orzamento de 88.800 euros.
A reforma da casa da cultura, pola súa banda, suporá tamén o cambio de cuberta e a instalación dunha caldeira de biomasa. Para isto, Ponte Caldelas reservou 109.858 euros.
As empresas interesadas en executar estas obras poden presentar ofertas ata o 3 de abril.