Críticas do PSOE ao goberno local pola "situación de abandono" de moitos lugares de Poio
Por Oskar Viéitez
O grupo municipal do PSdeG-PSOE insta ao Goberno municipal de Poio a que actúe "canto antes" para "acabar coa mala imaxe, provocada pola situación de abandono por parte do Concello, que proxectan varios lugares da vila en vésperas de Semana Santa".
Denuncian os socialistas que esta situación "agrávase especialmente" en Lourido, onde desde hai xa varios meses o aparcamento acolle unha escombreira que "proxecta un aspecto impropio dun referente turístico como é Poio", apunta o voceiro, Gregorio Agís.
"Nesa zona foise acumulando unha montaña co bocho e o refugallo de restos de podas e lixo das praias", unha situación da que o PSOE faise eco a través de moitas queixas recibidas por parte da veciñanza, que non entende como pode presentar ese aspecto un lugar de encontro como é a contorna de Lourido, que atrae tamén a moitos visitantes.
Os socialistas xa advertiron desta situación en varias Comisións de Urbanismo e fixeron unha pregunta ao respecto no último Pleno ordinario.
O PSOE local sinala "situacións similares" noutros emprazamentos, como no parque de Ánkar ou na canteira de Graña, en Campelo, onde tamén se localizan outros entullos.
"A isto hai que sumar o mal estado no que se atopan varios aparcadoiros disuasorios, cheos de lameira e parcialmente inutilizables, ou a falta de mantemento de numerosos camiños do rural", engaden.
"O señor Moldes conta co mellor soldo da historia, con máis asesores que nunca e non fai máis que xerar débeda do Concello, pero non é quen de dar resposta ás necesidades dos veciños e veciñas de Poio", critica o PSdeG-PSOE, que califica como "moi deficiente" a xestión a cargo da Concellería de Obras e Servizos, cuxo edil tamén conta cun "soldo de alcalde".