A incorporación de Luisa Sánchez leva a Rafa Domínguez a ocupar a vicepresidencia primeira da Deputación
Por Anxo Lourido
Luisa Sánchez Méndez tomaba posesión como deputada provincial este mércores 13 durante un pleno extraordinario que se celebraba no Pazo Provincial. Substitúe a Marta Fernández-Tapias, quen renunciaba ao seu cargo o 19 de febreiro por motivos persoais.
O presidente da Deputación, Luis López, anunciaba minutos antes da sesión plenaria os cambios que supón a incorporación de Luisa Sánchez, quen ocupará tamén a vicepresidencia da institución provincial.
A nova vicepresidenta terá competencias nas áreas de deportes, economía e impulso de emprego. Ademais, será a interlocutora de referencia na cidade de Vigo e na contorna.
A reestruturación supón un ascenso para o pontevedrés Rafa Domínguez, que pasa a converterse en vicepresidente primeiro da Deputación, substituíndo a Luis López cando estea ausente. Ata a data era o responsable da vicepresidencia segunda. Asumirá tamén as áreas relacionadas con xacementos arqueolóxicos, ademais das que xa exerce sobre o Museo de Pontevedra e Santa Clara.
Domínguez deixa a responsabilidade en promoción económica e de impulso de emprego, que será abordada por Sánchez Méndez.
Jorge Cubela farase cargo do departamento de Cultura, ademais de manter as atribucións no reto demográfico, mocidade e desenvolvemento rural.
Por último, o deputado Javier Tourís encargarase de xestionar a Estación Fitopatolóxica do Areeiro.
O resto de deputados do goberno provincial manterán as mesmas áreas que ata o de agora, segundo manifestou Luis López.
O presidente agradeceu a Luisa Sánchez que aceptase dar este paso e destacou que é unha persoa "disposta, preparada e moi leal. O máis importante é que saímos todos gañando. É unha persoa cunha solvencia acreditada. Foi 25 anos directiva dunha das empresas máis importantes da provincia no eido sanitario".. Engadiu que Vigo gañará a unha persoa que responderá con cordialidade e rotundidade cando se trate de defender os intereses da cidade "máis importante da provincia e de Galicia".
Manifestou que se dá un impulso ao goberno con estes cambios, con experiencia para lograr novas metas. Na sesión plenaria, Luis López felicitaba á nova vicepresidenta sinalando que "é unha honra para min como presidente e membro do grupo provincial do PP de contar nas nosas filas contigo" e desexoulle os máximos acertos "que van ser todos".
O presidente provincial non quixo pronunciarse sobre a posibilidade de que Luisa Sánchez sexa a referencia do Partido Popular en Vigo a partir de agora, xa que os populares contan actualmente cunha xestora na cidade olívica coa delegada da Xunta, Ana Ortiz, presidindo a dirección provisional.
Relacionadas:
-
Adxudicada a obra de mellora da Rúa Condesa en Ribadumia por 646.000 euros
Por Anxo Lourido |
-
Aprobada a proposta para promover a compra do antigo asilo para residencia estudantil
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O vicepresidente Domínguez apela á "lealtad personal con la ciudad" para facer en Pontevedra "el máximo de obras posibles"
Por Oskar Viéitez |
-
Luisa Sánchez renuncia como directora de Recursos Humanos da área sanitaria
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O presidente da Deputación ve "xustificado" un pleno extraordinario só para que tome posesión unha deputada
Por Oskar Viéitez |
-
Luisa Sánchez tomará posesión como deputada provincial tras a renuncia de Marta Fernández-Tapias
Por Oskar Viéitez |
-
A vicepresidenta da Deputación deixará a política despois das eleccións galegas
Por Oskar Viéitez |