Escolares de Pontevedra e Marín estrean as actividades para centros educativos no Salón do Libro
Por Redacción
Alumnos de Primaria dos centros pontevedreses Villaverde, A Xunqueira 2, Marcos da Portela, San José e do Carballal de Marín foron os primeiros escolares que puideron gozar do programa do Salón do Libro dirixido aos centros educativos que colaboran con esta iniciativa do Concello da capital.
A cativada participou de sesión de contacontos con Bea Campos, Migallas Teatro, Sherezade Bardají, talleres con Anxo Fariña e Susana Suniaga e a estrea do espectáculo 'Descubrindo magas' de Raquel Queizás. Con todas estas propostas, este público miúdo puido por exemplo aprender nomes de animais en galego, cancións, terminar un conto en catalán; en definitiva, gozar de xogos e de lectura en lugar de pantallas de dispositivos.
Tras as diversas actividades tamén fixeron un percorrido pola sala de exposicións acompañados de monitores do Salón. Estímase que durante os próximos días máis de seis mil alumnos e alumnas de todos os ciclos educativos, desde Infantil ata Universidade visiten este Salón do Libro.
Non só os máis pequenos puideron gozar do espectáculo de Raquel Queizás xa que o público familiar tamén estaba convidado a outro pase vespertino de 'Descubrindo magas' e ao taller de contacontos con efectos máxicos a través de luces de lanternas. Ademais o Miradoiro de Monte Porreiro foi o emprazamento elixido para este luns polos libros viaxeiros de 'Rodalibros'.
Martes
A programación para a tarde deste martes 5 ofrece o taller 'Abrapalabra!' a partir das 17.15 horas. Caxoto e Marc Taeger estrearán 'Nada por aquí, nada por alí', unha sesión de contos e ilustración dirixida a público familiar que comezará ás 18.00 horas e o taller de creatividade literaria 'Druídas e dryades' a cargo do Centro Kairós que comezará ás 19.00 horas e está dirixido a menores a partir de catro anos. Á mesma hora monitorado do Salón ofrecerá o taller 'XimMaxia'.
Relacionadas:
-
Orbil achégase a PontevedraViva para informar da próxima estrea do Salón do Libro
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O Salón do Libro homenaxea aos centros de ensino e ás persoas que fixeron posible chegar ás 25 edicións
Por Redacción |
-
O Salón do Libro traslada os contacontos vespertinos ao Recinto Feiral para dar resposta á demanda de asistencia
Por Redacción |
-
Soñando maxia no Salón do Libro
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
VÍDEO.- Ritmo máxico na inaguración do Salón do Libro Infantil e Xuvenil
Por Redacción |