Aprobado o orzamento para a mellora do acceso dende a N-541 a Veiga do Medio
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade destinará o importe total do Plan de Camiños Rurais da Xunta (142.000 euros) a afrontar a mellora do acceso dende a estrada nacional N-541 ata Veiga do Medio, na parroquia de Santa María de Sacos, coa intención de favorecer o tránsito de ambulancias e vehículos de emerxencias no caso de que fose necesario.
A actuación realizarase sobre un vial dun quilómetro de lonxitude, aproximadamente, para dar resposta ás demandas formuladas pola veciñanza desta zona.
Ao respecto desta obra, o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, sinalaba que "cremos necesario dar unha resposta definitiva e eficaz aos problemas de accesibilidade e de seguridade vial que presentaba a zona que vai desde a N-541 ata Veiga do Medio".
Nunha primeira fase actuarase sobre un tramo duns 500 metros no que terá que abordarse por parte dos técnicos o retranqueo de tres muros existentes e dotar ao vial dun sistema de drenaxe e canalización das augas pluviais aproveitando esta intervención.
Posteriormente, haberá que retraquear outro muro de 4 metros de altura para deixar habilitado un paso no vial de 4 metros de ancho para facilitar o acceso de vehículos, de xeito que ambulancias e medios de intervención e emerxencias poidan transitar con normalidade e seguridade e poidan acceder á zona de Veiga do Medio.
Relacionadas:
-
O vial que comunica Viascón con Parada de Tenorio xa ten novo pavimento
Por Redacción |
-
Unha muller resulta ferida nun accidente na N-541 en Tenorio
Por Redacción |
-
Novo asfaltado para o vial de acceso a O Batán
Por Redacción |
-
Un investimento de 56.000 euros mellora o acceso ás vivendas de Calvelle, en Aguasantas
Por Redacción |
-
Avanzan os traballos de mellora de acceso rodado no interior do lugar de Fentáns, en San Xurxo
Por Redacción |