Alertan do "posible peche" da Casa da Quintán como centro que atende a menores con problemáticas de saúde mental
Por Oskar Viéitez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
As traballadoras do Centro de Menores Casa da Quintán alertan do "posible peche" deste servizo residencial de Ponte Caldelas, o único en Galicia que atende a menores con problemáticas de saúde mental que por diversas razóns non poden ser coidados polas súas familias de orixe. A Consellería de Política Social asegura a PontevedraViva que iso que denuncian as traballadoras "é falso".
Este centro de menores abriu as súas portas a finais de 2021 co obxectivo de dar resposta ás crecentes necesidades ao redor da saúde mental na infancia e adolescencia. Este recurso é xestionado por Consulting Asistencial, pertencente ao grupo Clariane, que traballa para a Consellería de Política Social.
Nos dous anos de vida deste servizo na Casa da Quintán lévanse atendido a 26 rapaces de entre 12 e 17 anos, presentado problemáticas de diversa índole. Cando ingresaron na Casa da Quintán, na súa maioría contaban con sintomatoloxía ansioso depresiva e en non poucos casos condutas autolíticas e ideacións suicidas. Dende Casa da Quintán deuse resposta a estas problemáticas, tanto no propio centro como en colaboración cos centros educativos da contorna, outras entidades especializadas e os servizos sanitarios cando a gravidade o requeriu.
Agora, as traballadoras da Casa da Quintán informan que "no último mes, e sen haber comunicación oficial, persoal técnico da Xunta declarou en varias ocasións que o centro pecharía as súas portas definitivamente o 30 de xuño de 2024".
A pesar dos intentos dende o equipo de traballadoras para que esta cuestión se aclare aseguran que "dende a Xunta de Galicia non ofrecen máis información, decindo só que é algo que están a valorar".
"Consideramos un grave erro valorar a posibilidade de peche dun recurso tan necesario a día de hoxe, cando todos os informes apuntan a un aumento deste tipo de problemáticas na poboación infantoxuvenil", afirma o plantel desta residencia de Ponte Caldelas.
Segundo valoran estas profesionais, "este tipo de decisións apuntan a políticas nas que as rapazas e os rapaces, neste caso adolescentes, non teñen un lugar central, esquecendo que sufren as consecuencias dun momento social complexo, expresando un forte sufrimento a través do que piden ser escoitadas e atendidas de xeito adecuado".