Colectivos de Raxó detectan anomalías na execución das obras da Rúa da Praia
Por Anxo Lourido
A Sociedade Cultural Deportiva Raxó reuniuse nas últimas horas con representantes da asociación veciñal A Laxe e co colectivo Movemento por Poio ante a situación que están a detectar de "importantes deficiencias" na execución das obras de humanización que se acometen na Rúa da Praia, na parroquia de Raxó, en Poio.
Denuncian que os entroncamentos están a ser "anomalamente obviados" nas canalizacións das augas pluviais, unha situación que provoca malestar entre a veciñanza afectada.
Por este motivo, a SCD Raxó emitiu un escrito reclamando que se executen as conexións de augas pluviais nas condicións establecidas no proxecto que fora acordado entre Portos de Galicia, o Concello de Poio, durante o anterior mandato, e os colectivos sociais e veciñais.
Lembran que o importe das acometidas, como de todos os servizos de titularidade municipal, corren a cargo do Concello de Poio que, "por imposición" de Portos de Galicia, asume o 30% do investimento total desta obra que ten como obxectivo humanizar toda esta contorna.
Estes traballos conforman a segunda fase das obras executadas na Rúa Ramón Encinas, antes do acceso ao Porto de Raxó. Durante estes días, toda a vía atópase pechada ao tráfico e só está permitido o acceso peonil.
PORTOS DE GALICIA
Desde Portos de Galicia indican que os entronques van ser resoltos en breve prazo de tempo porque a obra aínda está nunha fase incipiente.
Apuntan a que este tipo de situacións se rexistran cando hai canalóns que non aparecían recollidos no proxecto inicial, pero que está previsto darlle solución durante os traballos.
O ente público garante que se resolverán estas incidencias que denuncian os colectivos de Raxó e envían unha mensaxe de tranquilidade á veciñanza indicando que os traballos van executarse seguindo o proxecto inicial, acordado co Concello de Poio, que contempla as conexións de augas pluviais.