Unha fuga de gas deixa catro intoxicados nunha casa de Ponte Caldelas
Por Redacción
Catro membros dunha mesma familia tiveron que ser atendidos polos servizos de emerxencia tras producirse unha fuga de gas na súa vivenda, en Ponte Caldelas.
Foi pasadas as once e media da noite deste domingo nun inmoble da rúa Concepción Arenal, no centro urbano da localidade.
O persoal sanitario do 061 foi o que alertou ao 112 Galicia explicando que estaban na vivenda coa familia afectada, sen saber se sufriran unha intoxicación por gas ou por monóxido, pero os detectores estaban a pitar.
Ata o lugar desprazáronse bombeiros do parque comarcal de Bueu, que comprobaron que se tratou dunha fuga no quentador de auga, que funciona con butano.
A pesar do incidente, ningún dos afectados tivo que ser trasladado ao hospital e todos eles foron atendidos por unha ambulancia medicalizada.
Neste suceso interviñeron tamén axentes da Garda Civil e persoal da empresa subministradora do gas.