Dan por desarticulado o histórico clan de 'Los Piturros', ligado ao narcotráfico en Arousa desde os 80
Por Natalia Puga
Unha operación da Garda Civil en colaboración con axencias policiais e xudiciais estranxeiras permitiu desarticular integramente o coñecido como clan de 'Los Piturros', un grupo criminal historicamente ligado ao narcotráfico en Galicia desde a Ría de Arousa desde a década dos 80.
A operación, bautizada Nazaré, desenvolveuse en España e en Portugal de maneira simultánea e saldouse coa detención de nove persoas por supostos delitos de tráfico de drogas, pertenza a organización criminal e branqueo de capitais e a aprehensión de máis de dúas toneladas de cocaína que pretendían introducir en Galicia a través de Portugal.
A investigación comezou en febreiro ao comprobar os investigadores que persoas vinculadas a este clan recollían en augas do Atlántico un cargamento de cocaína que alixaron en Peniche, en Portugal. Recolleron a droga en alta mar con pretensión de trasladala primeiro a costas portuguesas e logo a Galicia, pero as forzas policiais lograron intervir gran parte do cargamento na costa portuguesa.
Nese momento, os investigadores tamén interviñeron unha embarcación rápida varada na praia cando o clan galego pretendía sacar a mercadoría a terra.
Outra parte da droga, 220 quilos, puido recuperarse en abril en varios inmobles da comarca do Salnés.
Para poder culminar esta operación creouse un equipo conxunto de investigación entre organismos españois e portugueses, coa colaboración da axencia estadounidense DEA. A operación, dirixida polo Xulgado Central de Instrución número 6 e a Fiscalía Especial Antidroga da Audiencia Nacional, estivo coordinado por Europol e Eurojust.
Os investigadores concluíron que gran parte da droga intervida ía dirixida ao clan 'Farruku', de orixe albanesa, unha das organizacións criminais máis activas de Europa no tráfico de estupefacientes.
A operación concluíu esta semana coa detención dos integrantes da organización e a realización de rexistros en 12 vivendas e emprazamentos onde 'Los Piturros' ocultaban diferentes instrumentos da súa actividade delituosa, repartidos entre as provincias de Pontevedra, Ourense, A Coruña e a cidade portuguesa de Monçao.
Relacionadas:
-
Un grovense detido nunha operación contra o tráfico de persoas e drogas
Por Redacción |
-
Unha decena de detidos nunha operación contra o narcotráfico no Salnés
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Deteñen oito persoas do clan dos Piturros por branquear catro millóns procedentes do narcotráfico
Por Natalia Puga |