O megaiate Tumberry sofre unha vía de auga en Sanxenxo
Por Almu Dapena
O megaiate Tumberry tivo unha vía de auga este domingo en Sanxenxo.
Trátase dun dos barcos máis luxosos de España con 49 metros de eslora e valorado, en numerosas ocasións, en sete millóns de euros.
Estaba amarrado no náutico de Sanxenxo, pero tras detectarse que sufría unha vía de auga, trasladouse fronte á praia de Carabuxeira, onde desde esta mañá están a realizar as labores pertinentes para baleirar a auga que se acumula no seu interior.
Segundo informaron desde o Concello de Sanxenxo o 'Tumberry' comezou a afundirse pola proa debido a unha vía de auga. "A rápida actuación do persoal de Nauta Sanxenxo, o Real Club Náutico de Sanxenxo, Salvamento Marítimo, Emerxencias e a Garda Civil impediron o afundimento", sinalan nun comunicado.
Desde Nauta acordouse remolcar o barco cara a Carabuxeira, a uns metros da beira, para iniciar os labores de achique de auga con 14 motobombas. Previamente, desde Nauta estendéronse as barreiras de contaminación por precaución, pero non sei chegou a perder nin gasoil nin aceite. Sobre as cinco da tarde finalizaron estes traballos, taponouse a vía e remolcouse á zona da gasolineira á espera de reparación dos danos no interior.
O megaiate pertenceu ao empresario Fernando Fernández Tapias e nel navegaron tanto a súa muller Nuria González, como José María Aznar, Ana Botella e Isabel Preysler.
Naquel momento tiña outro nome, 'Nufer', un xogo de palabras formado pola primeira sílaba dos seus donos, Nuria e Fernando. Anos despois comprouno Juan Carlos Rodríguez Cebrián, sobriño de Amancio Ortega, que rebautizó o barco co nome de 'Tumberry'.
En 2015, Rodríguez Cebrián vendeullo a un empresario chinés, que lle fixo un gran lavado de fronte e comezou a alugalo para vacacións de luxo. Lydia Lozano foi unha das persoas que o alugou durante a pandemia para navegar por augas de Mallorca.