O martes 12 incorpórase a nova pediatra ao centro de saúde de Ponte Caldelas
Por Redacción
A partir do martes 12 de decembro recuperarase o servizo de atención pediátrica en Ponte Caldelas. Así o anunciaba en redes sociais o alcalde do municipio Andrés Díaz.
A mediados de novembro, o xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores, indicaba que os concellos da Lama e Ponte Caldelas compartirían esta praza que levaba máis dun ano sen cubrirse.
A pediatra atenderá os luns, martes, xoves e venres a tempo completo en horario de mañá no centro de saúde de Ponte Caldelas, segundo indica Andrés Díaz.
En outubro de 2022, o Concello de Ponte Caldelas alertaba de que quedaba sen servizo de pediatría por tempo indeterminado, despois de que a profesional que tiña a praza no centro de saúde solicitara o seu traslado a Arcade, en Soutomaior.
Lembraban que había unha praza de interinidade vacante no centro de saúde e o alcalde esixía que o servizo se cubrise de luns a venres en horario de mañá.
Durante este período, unha doutora atendía a estes pacientes dúas tardes á semana. Segundo as fontes municipais, o servizo de Pediatría de Ponte Caldelas ten unha cota de 605 menores e a 175 da Lama.