María Ramallo é unha muller discreta, perseverante e dialogante. Ten no seu haber dous fitos: ser a primeira muller que presidiu a Autoridade Portuaria de Marín-Pontevedra e a primeira alcaldesa de Marín. Dous ou quizá tres?: aos dous días de dar a luz á súa filla Jimena, estaba subida no atril ofrecendo un mitin. Esta semana é a protagonista da Playlist de PontevedraViva Radio.
Pilar é a súa nai, aínda que María Ramallo Vázquez leva no seu DNI tamén incluído o nome da patroa de España. E Pilar tivo que ser o soporte familiar unha vez que a Francisco, o seu pai, a vida lle fallou imprevisiblemente. Fran tamén é o seu marido, o mozo no que se fixou no instituto, que foi compañeiro de corporación en Marín e co que casou o mesmo día en que Fraga tomaba por última vez posesión do seu cargo de presidente da Xunta.
Licenciada en Dereito, preparaba oposicións con 23 anos. Chamou por teléfono ao candidato popular á alcaldía marinense, Augusto Casal, para felicitarlle pola elección. El díxolle "conto contigo" e o que María cría que era un posto "de recheo" supúxolle a concellería de Facenda. Desde entón a hoxe foi deputada autonómica, deputada nacional, a primeira muller que presidiu a Autoridade Portuaria de Marín-Pontevedra e a primeira alcaldesa deMarín.
O seu primeiro fillo, Jorge, chegou sendo a presidenta do Porto - que non a esposa do director, como algúns a consideraban ao vela chegar a moitas reunións -. Jimena, a súa filla, en plena campaña electoral. E aos dous días de dar a luz, tivo o arroxo de presentarse a dar un mitin.
Estamos en xuño, quedan sete meses para Reis, pero nesta Playlist de PontevedraViva Radio, sabemos un agasallo que non faltará na carta que os González Ramallo envíen aos de Oriente.