Marta Rodríguez Engroba
Unha vez máis, unha chapuza mal chamada lei protexe o maltratador
A ninguén sorprende, evidentemente, que calquera delincuente intente eludir a súa condena buscando ata o máis mínimo furadiño polo que saír impune, pero se hai algún delito no que isto se leve ao extremo, é no de violencia de xénero, o "secundario" dos delitos, malia ser o que máis vidas trunca.
E, seguindo este patrón, xa son varios, cada vez máis, os maltratadores que se agarran ao que semella ser o seu novo cravo ardendo, que é, nin máis nin menos, cambiar de sexo e, en consecuencia, intentar así eludir o seu ingreso en prisión, utilizando no seu favor un dos dereitos que se protexe na chamada Lei Trans, que consiste na posibilidade de que unha persoa maior de 16 anos acuda ao Rexistro Civil e se lle conceda un DNI que a identifique co seu nome e sexo sentidos, co único requisito previo de consentimento informado da súa libre vontade como único argumento.
Non son, polo momento, moitos casos, mais, pouquiño a pouco, van aparecendo, coa conseguinte e lóxica inquietude e desesperación de moitas vítimas.
De feito, hai tan só uns días, transcendía un caso acontecido en Sevilla, onde o pasado ano un agresor acudiu ao Rexistro para mudar o seu sexo no DNI, o que fixo que o xuíz de Violencia sobre a Muller que o investigaba por coaccións e ameazas se inhibira e se trasladara o caso aos Xulgados de Instrución, xa que constando administrativamente como muller, o Xulgado de Violencia Machista non pode investigalo.
Outro tanto está a suceder en Bilbao, onde outro maltratador, policía, para máis INRI, que, tras levar a cabo idéntica manobra, tentou agredir a súa parella cun coitelo e ameazou con facer dano ás súas fillas, mentres que, no seu día a día, continúa comportándose coma un home, non tendo modificado nin o seu nome, forma de vestirse, nin nada en absoluto.
Eu non son avogado, nin xuíz, son consciente da miña ignorancia, e simple, moi simple, nos meus razoamentos, pero o que non é menos certo é que teño as ideas moi claras, polo que, no que a min respecta, en todos e cada un dos delitos cometidos con anterioridade á aprobación desta lei, que era o autor?, un home, non si?, pois, polo tanto, sen ningún xénero de dúbida, que sexa xulgado e cumpra condena como tal.
A partir de aí, que se sinta como queira, como home, como muller... como se é mediopensionista, con perdón pola frivolidade, porque o tema non ten nada de frívolo, pero que cumpra a súa condena como lle corresponde.
Así de sinxelo.
Onde están o problema e a dúbida? Pero, xa se sabe, no que atinxe á violencia machista, o caso é buscarlle os tres pés ao gato.
Outra cousa son, por desgraza, os delitos cometidos despois de que esta chapuza á que teñen a ousadía de chamar Lei Trans, un dos impagables "agasallos" que nos deixou a Sra. Montero, que malia ser tan defensora das mulleres e tan feminista, segundo ela, claro, non fixo máis que poñernos aos pés dos cabalos, especialmente as vítimas de violencia machista, xa que, malia que finalmente se poida demostrar que algúns destes súbitos e sospeitosos cambios de sexo son feitos con fins espurios, se é que se chega a demostrar, as vítimas viven aterrorizadas e correndo, elas e os seus fillos, un claro risco, e, aínda no mellor dos escenarios, que permita probar que, efectivamente, esa é a razón, o que non se vai poder evitar é a dilación nos procesos, e, porén, que os maltratadores teñan maior posibilidade de delinquir e, o que é peor, de saír impunes.
De calquera maneira, volvo a insistir en que eu son moi simple, e, co paso dos anos, fun aprendendo que, ás veces, non todo é tan complicado como pode parecer, e isto faise extensivo tamén ás leis, máxime as que se chaman así cun máis que dubidoso fundamento.
Son ideadas, creadas e, ou como se lle queira chamar, e propostas por seres humanos, non si? Ata aí imos ben.
Polo tanto, son susceptibles de ser mudadas do mesmo xeito, algo, por certo, que quedou máis que demostrado cando algunhas delas foron aprobadas a fume de carozo cando así conviña, como pode ser de cara a unhas eleccións.
Outra cousa é que, atendendo a determinados intereses, se lles dea voltas e máis voltas, para acabar tomando a decisión que máis conveña... a quen máis conveña.
O peor de todo? Sexa como sexa, as mulleres vítimas de violencia de xénero son sempre as grandes prexudicadas, o derradeiro elo dunha cadea que, desde o momento no que comeza o seu calvario, ven coma a súa vida está nun continuo tira e afrouxa, mentres que aos seus maltratadores e mesmo potenciais asasinos se lles brindan cada vez máis oportunidades de seguir delinquindo e saír ben parados, cando non totalmente impunes.
E aínda hai quen continúa preguntando por que segue a medrar a violencia machista, mentres desde o goberno, cada vez que unha muller é asasinada, hai quen di con ese xesto tan estudado do día do minuto de silencio e da concentración de repulsa que "algo está fallando".
Ah, si? Pois non nos decataramos, pero, malo será, que coa cantidade inxente de diñeiro que se destina a facer "estudos", non rematen por atopar unha ou varias razóns, pero non a solución claro, que tampouco hai que pasarse e hai moitos despachos e moitos petos que manter a conta da violencia de xénero.