Xerardo Torrado Agulla
A presentación da revista "Exeria" da "Sociedade Galega de Exiptoloxía" e os fondos de exiptoloxía do Museo de Pontevedra
O pasado xoves 29 de setembro ocurriu un fito na investigación histórica en Galicia (que non de Galicia). Posiblemente pasou desapercibido, pero aquel xoves, pola tarde, no salón de actos do Museo de Pontevedra, presentouse a revista "Exeria", publicación que acaba de aparecer e que forma parte da actividade da "Asociación Galega de Exiptoloxía", presidida por Alfonso Fernández, un profundo coñecedor do antigo Exipto como puiden comprobar en conversas con el, aunando coñecementos e paixón por esta etapa histórica. A revista "Exeria", á cal lle desexo unha longa vida, pode descargarse e lerse de xeito gratuito dende a web da "Asociación Galega de Exiptoloxía". Neste primeiro número, ademais dos artigos científicos dunha publicación deste tipo, tamén aparecen as estatutos de dita asociación. En canto os artigos, podemos ler sobre o valiosísimo fondo de correspondencia diplomático de Amarna, a cidade fundada por Akenatón para despois ser abandoada trala súa caída ou as influintes mulleres nas Dinastías XVII-XVIII entre outros interesantes temas. Un dos artigos máis interesantes ven da man do propio Alfonso Fernández, sobre a presenza en Ferrol dun obelisco de Tutmosis III tras un naufraxio do barco que o levaba a Inglaterra.
A presentación da revista foi igualmente momento de falar sobre o interesante de que o importante fondo de arqueoloxía exipcia sexa de novo exposta como cando estaban no edificio Castro Monteagudo. Gustábame ver aquela colección, sobre todo ás ushebtis que formaban parte da mesma, achegadas a Pontevedra pola actividade de José Fernández López e o seu mecenazgo aló polo ano 1971. As ushebtis son unhas pequenas figuriñas de carácter funerario e que tiñan como función servir ó difunto no máis aló. Na mesma colección tamén había unha serie de vasos en pedras duras, como os ungüentarios en alabastro, ademais de figuras exipcias, a maiores das mencionadas ushebtis. Entre estas figuras habería unhas cabezas masculinas en pedra. Igualmente teríamos pezas metálicas, como o remate dun sistro Hathórico ca cabeza da deusa e outra representación dun disco solar con cornos. Estas pezas, foron catologadas nun interesante artigo de Esther Pons Mellado que está dispoñible online, e a el remítome ás persoas que mostren interese.
Pero esta colección de arqueoloxía exipcia non é a único que boto en falla no fondo exposto no edificio Sarmiento (ó cal se accede dende o edificio Castelao) en relación co que se expuña no vello edificio do Castro Monteagudo, na pontevedresa Praza da Leña, aquel Museo que enchía de soños a varias xeracións de pontevedreses e pontevedresas. Tamén boto de menos as cráteras e outros contedores cerámicos gregos pintados da Magna Grecia, ou a colección de exvotos etruscos de Calvi en terracota. Actualmente no fondo de arqueoloxía exposto no edificio Sarmiento só hai pezas de arqueoloxía estrictamente galega. Algo que considero frustrante para os apaixoados da antigüidade que sabemos que na nosa cidade hai importantes fondos de arqueoloxía doutras culturas e que non podemos velas e disfrutar ca súa contemplación, supoño que se as pretendemos investigar sí teremos acceso a elas tras supera-los trámites administrativos. Agardo que ca ampliación das edificios, como cando volva a funcionar os edificios de Castro Monteagudo e García Flórez, se solucione este problema tan limitante. Incluso na presentación da revista "Exeria", no turno de preguntas, falouse da posibilidade do uso da "casa dórica" (aínda que en realidade as columnas sexan toscanas, non dóricas) dos Fonseca en Paseo de Colón cando deixe de funcionar como Arquivo Histórico Provincial. Todos coñecemos ás esfinxes que flanquean a súa entrada, mellor espazo para albergar unha colección de arqueoloxía con fondos exipcios?. Pero isto é unha divagación que por outra parte levaba anos no meu maxín.
Pero tamén a pasada semana, na presentación do libro de Pedro Lorenzo sobre o barrio hebreo de Pontevedra, trala presentación, tamén falamos da curiosidade de que entre os fondos expostos tampouco estén obxetos do pasado pontevedrés, como as laudas con caracteres hebreos descobertas na mesma cidade do Lérez. Falar do Museo de Pontevedra dá para moitas colaboracións neste medio, por suposto, tratarei de racionalizar.
Tamén debo engadir que dende a "Asociación Galega de Exiptoloxía" se me suxeriu forma parte do seu comité científico, a pesar de que a miña especialidade en Historia Antiga e a miña tese doutoral nesa mesma disciplina non está centrada en Exipto. De feito, con pracer e moi honrado aceptei esa invitación e formo parte do comité científico na especialidade de arqueoloxía bíblica e romanoloxía. A arqueoloxía bíblica é unha das miñas paixóns, de feito de non ser debido á lesión no oído que o SERGAS non me trata por cazurrería (pero en son máis tozudo ca elas) o ano pasado tería ido a escavar ó barrio de David, na cidade vella de Xerusalén, cumprindo cun dos meus soños. Ademais o ano pasado inicieme no estudio do hebreo bíblico. Pero a lesión impídeme subirme a un avión, e como soe decirse, "Mombus" non me ía levar a Xerusalén, así que non atendín á invitación da Dra. Cayetana Johnson. En tanto á Historia da antiga Roma, está máis cerca dos meus campos de investigación e da miña tese doutoral que nun poucos meses penso defender. Cando tiña oito e nove anos tiña tal paixón pola Historia de Roma que en Bueu, onde veraneaba, con sorna chamábanme "romano". Daquela prometinme adicarme á Historia Antiga, pero non tiven moito éxito por falta de padriños e pola falta dun sistema de estudios que capte os potenciais dos alumnos e alumnas. Sabíame daquela xa a lista dos emperadores romanos en orde cronolóxica, polo menos ate o intre no cal a cousa comeza a complicarse con co-emperadores, anti-emperadores, e dous emperadores, un en Occidente e outro en Oriente.
Agardo ser de utilidade na "Asociación Galega de Exiptoloxía" e desempeñar ben todo o que me pidan que faga.
Longa vida a "Exeria"!!!