José Enrique Abalo
O odio como ferramenta política
Despois desta curta tregua vacacional resulta desalentador percibir, unha vez máis, o irrespirable clima político. Un crecente "resentimento social" esténdese sen piedade e o discurso do odio gaña seguidores. Vivimos tempos de fractura.
O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos define o discurso de odio como toda forma de comunicación que incite ao odio, á violencia ou á discriminación contra determinados grupos de persoas, xa sexa por razón da súa raza, relixión, sexo, orientación sexual, identidade de xénero ou outros aspectos. Na actualidade, este tipo de discursos pasou de ser unha anomalía a converterse nunha constante no ámbito político, onde se emprega estratexicamente para mobilizar masas, polarizar sociedades e erosionar as democracias liberais; posibilitando o ascenso dos novos fascismos.
O odio aos demais, nas súas múltiples manifestacións está converténdose no eixo central da conflitividade social. Este fenómeno desenvólvese de diversas formas: no racismo e a xenofobia, onde os prexuízos e estereotipos negativos alimentan a violencia contra os estranxeiros; no negacionismo histórico, que minimiza crimes como o Holocausto, perpetuando a discriminación; en homofobia e transfobia, que se traducen en agresións físicas e verbais contra persoas LGTBIQ+; na misoxinia, que se manifesta na violencia machista e na desigualdade salarial; na discriminación das persoas con discapacidade, marcada por barreiras arquitectónicas e exclusión laboral; ou con teorías conspirativas e ataques contra comunidades relixiosas.
Neste contexto, as plataformas dixitais agravaron o problema, facilitando a rápida propagación do discurso de odio. Os algoritmos das plataformas están deseñados para mostrarnos contido que consideramos relevante, o que moitas veces significa que nos atopamos en "burbullas de filtro" onde só vemos información que confirma as nosas crenzas preexistentes. Isto reforza os prexuízos, xa que dificulta que analicemos outras ideas e perspectivas, e, por outra parte, a súa difusión viral multiplica o alcance destas mensaxes. Así, a tecnoloxía, que debería ser unha ponte, transfórmase nun catalizador do odio.
Particularmente estes días, os inmigrantes están converténdose nun branco fácil dese discurso do odio. Este fenómeno alimentado, en parte, por certos grupos políticos, asocia erroneamente aos inmigrantes coa inseguridade cidadá, culpándoos dos problemas sociais e económicos, presentándoos como unha ameaza, unha praga ou negándolles os mesmos dereitos e oportunidades que o resto da cidadanía.
En definitiva, o discurso de odio cara aos inmigrantes está alimentado por estereotipos negativos e xeneralizacións que deshumanizan ás persoas cuxo único "delito" é o de nacer noutro lugar.
As consecuencias deste discurso son demoledoras: violencia física e psicolóxica, exclusión social e polarización da sociedade. Por sorte, en España aínda non se deron os escenarios de violencia explícita que se viviron hai uns días, por exemplo, no Reino Unido. Pero certas mensaxes nas redes de relevantes políticos ou mesmo o intento recente de convocatoria de protestas, razoablemente prohibidas, contra a chegada de inmigrantes en algunhas localidades deste país, son signos dun risco crecente. Este tipo de estigmatización sementa profundas divisións na sociedade, dificultando a convivencia e a cohesión social.
Ante este panorama, é fundamental desenvolver estratexias que fomenten a tolerancia e o respecto á diversidade. A educación debe ser a primeira fronte, promovendo a empatía e o diálogo desde as aulas. Os medios de comunicación teñen a responsabilidade de practicar un xornalismo que busque a comprensión mutua, en lugar de alimentar o conflito. Así mesmo, as políticas públicas deben centrarse na loita contra a desigualdade e na promoción da inclusión social, mentres que a lexislación debe ser clara e firme na criminalización dos discursos de odio e a incitación á violencia. E como apuntou o fiscal de delitos de odio, tras o asasinato dun menor en Mocejón (Toledo) cómpre rematar co anonimato nas redes como medida para evitar a propagación de enganos xenófobos.
En resumo, o discurso de odio é un desafío complexo que require un enfoque integral para ser abordado de forma eficaz. Non abonda con atacar os síntomas; é necesario ir á raíz do problema, entendendo e desmantelando as narrativas de odio que dividen e debilitan as nosas sociedades.