![Andrés Núñez Rajoy](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/aa1/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DE1AC_/_Il61oA_/6441659426-foto_anr.jpg)
Andrés Núñez Rajoy
É verán, veñen os "fodechinchos"!
Poden ser moitas as definicións de "fodechinchos". A máis coñecida é a que se refire aos turistas mesetarios, e de baixo presuposto, que visitaban O Morrazo nos anos 70. Como non traían moitos cartos ían ás lonxas onde lles regalaban o peixe descartado polos pescadores como eran os xurelos pequenos ou chinchos. O turismo medrou, xa non é o que era, veñen cos petos máis cheos, porén o termo non deixou de usarse. Agora asociámolo a aqueles turistas non respectan os nosos costumes e, mesmo desprezan as nosas tradicións. Neste estilo debemos lembrar a parodia de turistas madrileños que protagonizaba Evaristo Calvo na serie da TVG Air Galicia (https://www.youtube.com/watch?v=qD6xZ_ROarU).
A día de hoxe a definición máis acaída para "fodechinchos" sería a de "turista cuñado", é dicir, o "turista que opina sobre calquera asunto aparentando ser máis listo que os demais, que fala sen saber, quere impoñer a súa opinión para demostrar que os demais son ignorantes e que como no lugar onde el vive non se está en ningún sitio". É dicir, un falabarato botarate. Claro que co cambio nós acabamos perdendo, nomeadamente na inflación dos prezos dos produtos locais. Lémbrome dos meus sogros, Bety Pimentel e Calo Roldán, que cando facía bo tempo a finais de maio ou primeiros de xuño íanse para Sanxenxo e botaban alí todo o verán ata, polo menos, que pasase santa Rosalía a patroa lilaina de Sanxenxo, eran "veraneantes", de botar todo o verán. Miña sogra mercaba sempre na praza de abastos de Sanxenxo. A min agradábame ir con ela, porque coñecía á xente dos postos e porque falabamos de que pratos preparar. Mais a influenza dos "fodechinchos" era terrible, venme á cabeza cando nunha véspera de san Pedro, 29 de xuño, mercamos ovos na praza e estaban a 200 pesetas a ducia, volvemos a mercar outra ducia e xa valían 250 pesetas. Si preguntábamos a resposta sempre era a mesma: comezou xullo e xa veñen os turistas. Cando era en pesetas era unha pouca suba, o problema da superinflación apareceu coa aparición do euro. Si estaba a ducia a 2 euros, a partir do 1 de xullo pasaba a 3 euros. Poderíamos aplicalos á maioría de calquera produto local, da terra ou do mar.
Particularmente non me molestan os turistas, todo o contrario e, todos e todas, algunha ou varias veces na vida, acabamos sendo turistas. Os molestos son os "fodechinchos" que agora xa xorden especializacións. Debe haber másteres para facerse "fodechinchos" especialista. Os que máis abundan son os de especialización localmadrileñista que se caracterizan por usar a frase "eg que como en Madrí.." que en Ourense lles chaman os "esquecomallá" polo costume que teñen de pensar que nunha tenda de aldea ou pobo pequeno hai a mesma variedade de produtos que no Corte Inglés de Preciados-Callao. Isto vivino eu o ano pasado nunha froitería en Sanxenxo onde había unha parella que querían un pemento morrón amarelo e, claro, non os tiñan, comezaron xa as comparacións co "eg que..." e veña e dálle, e seguían ata que se montou un balbordo enorme porque a cola non avanzaba e, ao final unha señora daquí, moi cabreada, díxolles que deixaran andar a cola e que cando se sae da casa hai que saber a onde se vai.
Outra caste do novo "fodechinchos" son os asociados ás novas redes sociais asociadas a viaxes, hoteis e restaurantes. Nestas páxinas a xente, penso que moitas veces por presumir que estiveron alí, pon a súa opinión do que viron ou comeron. Entre moitas destas opinións aparecen as dos "fodechinchos". Estas opinións nós temos que tomalas a xeito de brincadeira xa que demostran a ignorancia de quen as escribe. Hai algunhas entradas nestas páxinas que son para anotar pola grande cantidades de bobadas que din. Desde os que non entenden que nós cando estamos na casa non estamos turisteando pero nas fins de semana imos á praia ou ao río, así unha muller que foi ver unha fervenza sorprendeuse que estaba chea de xente na auga e con tollas nas rochas como se fora calquera praia, ou outra opinión duns que fron a unha praia na que había moita xente porque era "un sitio muy frecuentado por gallegos de la zona"(sic). Outra fonte de conflito para os "fodechinchos son as Illas Cíes, non entenden a onde van, non saben que é o Parque Nacional das Illas Atlánticas. Son moitas as queixas nestas páxinas sobre as gaivotas e seu comportamento e eles pensan que a razón é dos humanos. Isto vivino eu aínda fai pouco no camiño do faro, alí había unhas zonas polas que non se podía pasar, estaban en época de cría. A maioría comportábanos ben, mais sempre hai os tres ou catro energúmenos que tiveron que cruzar polo prohibido, porque lles saíu dos seus "santos colgandeiros". As gaivotas decatáronse axiña, levantaron voo e comezaron a cagar polos turistas (fano sempre como defensa das crías). Cando chegou o garda polo balbordo montado aínda tiñan eles máis que dicir. Ao final pasan cousas como o que, en Cíes, matou unha gaivota a paus (https://www.farodevigo.es/gran-vigo/2022/08/28/denuncian-hombre-mato-palo-gaviota-74023163.html), e alegaba que foi en defensa propia (vaia morro). Como resumo das opinión nestas páxinas sobresaen tres, o que se queixaba que cando foi a torre de Hércules había brétema e iso había que telo previsto que era malo para os turistas, os que se queixaban de ir ao Cabo Ortegal porque a estrada tiña moitas curvas e facía moito vento e o turista que se queixaba dos turistas cando visitou san Andrés de Teixido e di "lástima que un entorno tan bello, en un paraje singular y con una leyenda tan hermosa que contar, solo hay turistas comiendo percebes, turistas intentando aparcar y turistas comprando souvenirs y baratijas".
Agora, polo menos desde fai uns catro anos, hai outro "fodechinchos" especialista que é o que ven coa "banderita española" no pulso, que fala alto nos mostradores dos bares para deixar clara a súa opinión política, que por desgraza coincide co medre da extrema dereita. Estes son os "fodechinchos" máis perigosos e dos que hai que escapar e non facerlles caso. Aos outros aínda lles podemos ensinar como son as cousas. A estes non, eles non escoitan, eles impoñen, a mostra clara é a bandeira. Queren demostrarnos que é deles e só deles, o resto dos mortais non temos dereito a ela. Hai que deixalos na súa ignorancia xa que nós sabemos que "tivo Galicia Reis antes que Castela leis". Con, ou sen, "fodechinchos" desfrutade do verán.