![Marta Rodríguez Engroba](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/2fa/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DE1AC_/_Il61oA_/58eb6ac9d8-jpg-marta-rodriguez-00.jpg)
Marta Rodríguez Engroba
Un verán máis de medo e indignidade
Algúns xa emprenderon camiño aos seus destinos vacacionais, e outros xa teñen as maletas na porta agardando o inminente momento da saída.
Na outra cara da moeda, coma sempre, están os máis vulnerables, os que, obviamente, non se poden permitir nin en sonos, unha vacacións, malia precisar desconectar case máis que respirar, e entre eles, por suposto, moitas vitimas de violencia de xénero.
O único "luxo" que algunhas destas persoas se poden permitir é o de trasladarse uns días a casa dalgún familiar ou aos seus lugares de orixe, o cal, ademais de supoñer un certo respiro a nivel emocional, sobre todo nas familias nas que hai menores, é tamén un xeito de aforrar un pouco en canto a alimentación, subministración, e mesmo de encher a neveira unha tempada ao regreso grazas aos pais, avós, etc.
Pero resulta que non é tan doado, nin sequera se eses familiares lles costean a viaxe, xa que doutro xeito non poderían facela, e non é doado porque resulta que moitos deles non teñen poder de decisión algún sobre as súas vidas, se non que é o SEPE, o maldito e inhumano SEPE, e desculpádeme a expresión, pero é que me pode a carraxe que, tal como recorda na súa páxina web, e cito textualmente, "durante el período en el que estás percibiendo prestaciones no eres un trabajador en activo, y, por tanto, no tienes derecho a disfrutar de vacaciones".
Unhas prestacións que, en moitos casos, apenas superan os 400€, coas e que, obviamente, non poden sobrevivir e que ameazan con retirarllas se ousan desplazarse uns kms, sen o seu permiso, xa que un dos compromisos para cobralas é estar na busca activa de emprego, que non pode cesar en ningún momento, o que lles resta o dereito mesmo de disfrutar do único que`poden sen gastar e que lles supón, ademais, un notable alivio, tanto emocional como económico: Da compaña e a axuda dos seus.
Soamente lles falta engadir algo como "para eso sodes uns auténticos parásitos sociais. Escoria humana".
No que atinxe ás vítimas de violencia de xénero, sobre todo se hai menores, poder tomarse ese breve respiro non implica tan só a axuda que antes mencionaba, se non que é un xeito de sentirse un pouco máis protexidas nunhas datas nas que o risco que corren aumenta dun xeito exponencial, como demostran esas estatísticas que ao noso goberno tanto lles gusta recitar, pero que aínda non se sabe para que lles serven, agás para tentar maquillar a realidade, que as vítimas de violencia machista están mais desprotexidas que nunca, e que o primeiro chanzo para esa desprotección son, precisamente, as comisarías.
Ah!, e para xustificar os miles e miles de euros que se invisten en "estudos", campañas, cuxa eficacia é, como mínimo, cuestionable, etc, etc, etc, así como a financiar "chiringuitos" afíns a quen manda, por suposto e que, se poidan permitir deste xeito, entre outras cousas, unhas marabillosas vacacións , que eles si as precisan.
Están esgotados.
Como cada verán, e, de feito,cada período vacacional, as Ufam estarán practicamente baleiras, e de xeito especial este ano, coas macropontes do 25 de Xullo e do 15 de Agosto, , o mesmo se pode dicir dos CIM, e, por suposto, os xulgados tamén estarán baixo mínimos.
O panorama non pode ser máis desolador, e, mentres que para moitos comeza unha etapa de lecer e ledicia, para estas mulleres son meses do terror máis absoluto, totalmente fundado, polo que contar co apoio e a compaña dos seus é fundamental, pero o SEPE non ten eso en conta, o SEPE dirixe as súas vidas ameazando con quitarlles uns cartos cos que a duras pensas sobreviven, e que son seus, algo que semellan esquecer.
Que os aportaron coas súas nóminas, e grazas en gran parte ao cal, eles, "os que mandan" si se poden permitir gozar desas vacacións das que moitos deles se afanarán en alardear nas redes sociais.
Non se pode denigrar máis precisamente a persoas que, se algo necesitan é, xustamente, axuda e apoio.
A soidade, o medo, a impotencia e mesmo a fame, a necesidade, que a duras penas van superando durante todo o ano, e que atoparían un pequeno alivio nestes meses de verán, é algo que ao SEPE non lle preocupa en absoluto.
Tampouco eses nenos e nenas que se verán privados dos únicos meses do ano no que poderían gozar dun ambiente familiar que lles é negado o resto do ano, porque o SEPE decidiu que as súas nais, cos seus 400€, é un ser de segunda ou terceira categoría que, por non ter, non ten nin o dereito de decidir a onde e con quen ir.
Pola contra, iso si, no colmo da incoherencia, permiten renovar a tarxeta de demandante de emprego desde a casa, por internet... Alguén on entende?
Vivimos no país dos despropósitos, é un feito probado.
Non se pode ser máis miserable.
Do que non falan é dos inconvenientes que as súas fantásticas vacacións de "cidadáns produtivos en activo" lles ocasionan sobre todo aos que eles están a tratar como lixo.
Trámites demorados por mor desas vacacións, entrevistas de traballo que se pospoñen, porque eles poden seguir buscando emprego activamente, pero os seus potenciais empregadores non van renunciar ao seu descanso, como é lóxico, desprotección, como xa dixemos, xuizos atrasados... Disto non se fala!.
Porque resulta que os máis vulnerables non teñen dereito a vacacións, pero si a padecer os prexuízos que lles ocasionan as da "xente de ben", que para eso son cidadáns de segunda, de terceira... ou de quen sabe que categoría inferior.
Dicíame un dos meus compañeiros de Si, hai saída onte mesmo que se me nota moi cabreada cando toco estes temas, algo raro en min, que non adoito cabrearme en moitas ocasións, pero o certo é que si que o estou, e moito, porque se algo non soporto é que se denigre a ninguén, que se pisen os dereitos das persoas, especialmente dos máis débiles, e disto, o SEPE sabe moito.
Soamente nos queda pregar, no que atinxe as vítimas de violencia de xénero, que o maldito SEPE non conte en Setembro con algunha demandante menos, se non por ter atopado ocupación, precisamente.