JM Gourmet, a túa carnicería de confianza na Praza de Abastos e online
"Ola, son Jose, o teu carniceiro de confianza". Desta maneira tan próxima Jose Mogo recibe os clientes da súa tenda online: Carnicería Online | JM Gourmet.
Ademais da carnicería online, ten o seu punto de venda presencial na Praza de Abastos de Pontevedra, onde ocupa os postos 3 e 5. Foi en outubro de 2020 cando se instalou nestes postos, tras coller o traspaso de Chorigal.
JM Gourmet, tanto en venda presencial como online, ofrece unha ampla variedade de carnes da mellor calidade. "Sempre hai que partir do punto de venda no que estamos, por iso traballo un pouco de todo: porco, tenreira, cordeiro, polo de curral… Pero sempre tento tirar por calidades moi boas. Neste caso, para o porco traballo con Chorigal, porque son os mellores, en tenreira tamén tento ir a tenreiras de leite, tenreira galega, con certificacións de produto de calidade", afirma Jose Mogo.
De toda esta oferta de carnicería, hai unha gama de produto pola que Jose Mogo está a marcar a diferenza: a vaca vella, os chuletóns, o boi e outras razas tipo Angus ou o Wagyu xaponés. "É un sector de moda agora mesmo e non hai tantos lugares onde buscar un produto de calidade, e o resultado que dan á hora de consumilos nótase".
Mostra do bo facer deste carniceiro, é que os seus produtos acompáñanse dunha ficha cos datos de trazabilidade, é dicir, a identificación de todas as etapas polas que pasou esa carne ata que chega ao momento de venda. "Creo que non hai maior seguridade que ter toda a trazabilidade e a documentación do produto que vendes. Eu cando traio o Wagyu xaponés fágoo a través dunha empresa de España que o trae con todas as súas certificacións e trazabilidade desde Xapón, e eu prefiro comprarlle a esa empresa porque teño todos os datos do animal".
Nestes meses de verán, Jose Mogo notou que máis da metade da clientela a compoñen turistas, que son os que máis demandan carnes exclusivas. No inverno, entre a poboación de Pontevedra, o que máis saída ten é a gama de produtos para o cocido galego, produto curado ou salgado. Por iso anima a probar outras especialidades e visitar a páxina web, onde "podemos atopar practicamente todo o que teño na carnicería".
O coidado que Jose Mogo pon no seu produto reflíctese nas fotografías que mostran cada produto na web Carnicería Online | JM Gourmet. "Distinguimos entre todos os tipos de corte máis comúns que leva a xente, por exemplo, no caso do polo temos a peituga enteira, os filetes gordiños, filetes máis finos, en tiras, picada, en cadradiños…".
Para este carniceiro "o ideal é que presentes todo como o cliente quere que lle chegue a casa". Con todo, se o cliente ten calquera dúbida na web conta cun formulario e teléfono "para que a xente poida chamarnos, facer o pedido, as consultas, todo o que queira de forma persoal tamén". Os pedidos mándanse a toda a España peninsular a través de Envíos 24hrs.
Para rematar, Jose Mogo insiste na aposta dos pequenos comerciantes pola Praza de Abastos, un lugar emblemático da cidade de Pontevedra que nos últimos anos experimenta un descenso de clientes. Neste sentido, valora as reunións que nos últimos días está a ter o Concello cos vendedores e a proposta de instalar a Feira na avenida de Bos Aires, xunto ao mercado. "Como dono dun posto no mercado creo que sería moito máis fácil para a xente ter todo unificado, e a nós axudaríanos moito, tamén aos comercios da Zona Monumental, para que as persoas retomasen o hábito de vir ao mercado".