María Ramallo reitera a súa defensa "sen fisuras" do Porto de Marín como fonte para crear emprego
Por Redacción
A alcaldesa de Marín, María Ramallo, reiterou este martes a súa defensa "sen fisuras" ao Porto de Marín. A candidata á reelección polo Partido Popular recordou que é parte do territorio municipal e que "hai moitos anos fixo unha aposta decidida para albergar a maior concentración de emprego e riqueza do noso entorno".
De aí que Ramallo inclúa o Porto nas súas políticas de emprego para os próximos anos, "facendo unha clara aposta pola inversión pública e privada que teña como obxectivo crear emprego en Marín". A isto tamén contribúe, dixo, a recuperación de parte da fachada de Marín no paseo Alcalde Blanco e no ámbito da Praza de España.
Despois das instalacións portuarias, a candidata do PP prioriza a planificación dunha zona empresarial e industrial que sexa viable desde o punto de vista medioambiental, económico e técnico, "para xerar inversión produtiva que cree emprego de presente e de futuro".
Ademais, María Ramallo aposta por apoiar e traballar conxuntamente coa Escola Naval Militar de Marín e potenciar os estudos das carreiras militar da mariña e de enxeñería industrial na súa rama mecánica. Todo iso mantendo os convenios coa Universidade de Vigo.
Por último, sinalou que o Partido Popular seguirá apoiando ao comercio local con campañas e actuacións coordinadas coas asociacións, fomentando liñas de acción que faciliten e favorezan o consumo, coa coordinación da Mesa Local de Comercio para as inversións que se realicen.