Pasarón entra en campaña: Tino Fernández pono como "exemplo do que non debe ser a política deportiva"
Por Redacción
O estadio municipal de Pasarón e a polémica que rodeou a súa reforma e ampliación entrou na campaña electoral do 24-M da man do actual concelleiro de Deportes e candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía, Tino Fernández. O socialista denunciou o sobrecusto das obras ante a Fiscalía e agora lembra o "escándalo" deste proxecto que se contratou por 7,3 millóns e acabou custando 18.
Tino Fernández acudiu este domingo ao estadio de Pasarón para presentar o seu proxecto e sinalou que o estadio é "o exemplo perfecto do que non debe ser a política deportiva municipal". Denunciou que o PP e o BNG "queren tapar" a situación, que na súa opinión é "un escándalo que naceu das connivencias de Louzán e Lores", presidente da Deputación e alcalde de Pontevedra, respectivamente.
O programa deportivo do PSdeG parte dunha reorganización administrativa dentro do Concello na que Tino Fernández propón a disolución do organismo autónomo Instituto Municipal de Deportes (IMD) para convertelo nun Servizo Municipal de Deportes, reforzado en persoal e dotación orzamentaria, e moito máis áxil e operativo dende o punto de vista administrativo.
O actual concelleiro de Deportes subliñou que é necesario crear unha rede de campos de fútbol de herba sintética para cubrir as necesidades reais, en concreto, un mínimo de tres campos que contarían cun compromiso de 300.000 euros anuais por parte do Concello.
O candidato socialista subliñou que manterá a programación de eventos deportivos de elite, pero cada vez máis orientada a eventos con marca propia para depender menos das ofertas das distintas federacións nacionais, que obrigan, en ocasións, ao pago de canons excesivos. Xunto con iso lembrou a sucesiva aposta polo deporte popular do seu departamento.