O Memorial Ricardo Portela homenaxeará a Gabriel Mujico "Gabi" nas súas vodas de prata
Por Redacción
A música de gaitas volverá soar nestas Festas de Verán. Será durante o 25 aniversario do Memorial Ricardo Portela, que se celebrará durante tres días entre o venres 12 e o domingo 14 de xullo e que este ano estará dedicado ao santiagués Gabriel Mujico "Gabi".
O memorial, que centrará toda a súa actividade na Praza da Ferrería, comezará o venres 12 de xullo coa tradicional Mostra de Artesanía, con doce postos nos que se poderán contemplar todo tipo de instrumentos tradicionais.
Poderase visitar nesa primeira xornada de 17.30 a 21.30 horas, mentres que o sábado e domingo permanecerá aberta desde as 11.30 ata as 14.00 e a partir das 17.30 horas.
Haberá un concerto de escenario en cada un dos tres días, ademais de pasacalles polo centro histórico.
O venres actuarán Airiños da Freba ás 21.00 horas, o sábado será a quenda de Caldo, ás 21.15 horas e o domingo 14, Cantometrics ofrecerá o seu recital ás 21.00 horas. Todos estes concertos serán no escenario situado na Praza da Ferrería.
A homenaxe a Gabriel Mujico "Gabi", músico gaiteiro de Compostela, fundador de grupos históricos como Pallamallada e Durindaina, que falecía en setembro de 2023, desenvolverase o sábado 14 de xullo ás 21:00 horas.
Dentro da programación deste memorial haberá tamén pasacalles. O venres (17:30 horas) correrá a cargo de Arume de Boiro, Gaiteiros das Rías Baixas, Par de Par e Os Lerenses. O sábado, pola súa banda, haberá sesión dobre (11:30 e 18:00 horas) con Lubicáns, Nós Tamén Imos, Os Picurruchos e Picuíña.
O domingo actuarán dúas veces polas rúas da cidade, tamén ás 11:30 e ás 18:00 horas, as agrupacións Cantigas e Frores, Contracocheno, Os Enxebres de Cacheiras e Os Xirifeiros.