Simplificar os seus trámites administrativos, o compromiso de Alfonso Rueda cos autónomos
Por Alejandro Espiño
Que os trámites administrativos para os autónomos sexan o máis simples posible, reducindo toda a burocracia. Ese foi o compromiso que verbalizou este martes o candidato do PPdeG á presidencia da Xunta, Alfonso Rueda, tras visitar unha panadería.
"Se queremos unha Galicia que funcione, temos que facer que a vida dos que xeran riqueza e emprego sexa un pouco máis fácil non só axudándolles, senón tamén sendo eficaces na tramitación e concesión das axudas", explicou Rueda.
Así, a súa intención é simplificar e unificar todas as convocatorias de axudas a autónomos que se promovan desde o goberno galego nun único procedemento de solicitude. O obxectivo é, polo tanto, facilitar tanto a súa tramitación como a súa obtención.
A existencia dun único formulario, segundo explicou o líder do PP galego, permitiría que os autónomos "non teñan que perder o tempo que necesitan para xestionar os seus negocios, nin dedicar recursos adicionais a facer un trámite burocrático que é posible simplificar".
Tras destacar que o seu goberno dedica uns 50 millóns de euros ao ano a axudar aos autónomos a través de diversas convocatorias, Alfonso Rueda defendeu a axilidade da súa administración para entregar axudas "que en moitos casos son fundamentais para que teñan futuro".
Durante a súa visita a un obradoiro de pan, onde ademais tivo a oportunidade de ser partícipe do proceso de elaboración artesanal do pan, Rueda reivindicou o traballo que día a día fan os autónomos galegos e o papel fundamental que desempeñan dentro do tecido económico galego.
"Para ser autónomo hai que ser moi valente, ter moita ilusión e moito compromiso. Polo que, dado o dificultoso que é sacar adiante un negocio día a día, o mínimo que poden esperar das administracións é que lles ofrezamos certezas, estabilidade e axuda cando sexa preciso", afirmou.
Relacionadas:
-
Apoio de Rueda ao sector do mar ante as "pasadas de freada" da UE ou "decisións inxustas"
Por Alejandro Espiño |
-
Alfonso Rueda: "Non recoñezo a Galicia negra que pinta a oposición. Temos estabilidade e servizos públicos moi bos"
Por Alejandro Espiño |
-
Rueda reinvindica o PP galego como "o partido do rural" e promete defendelo "con orgullo"
Por Alejandro Espiño |
-
Núñez Feijóo ve "ataques a la desesperada" contra o PP porque "vamos muy bien"
Por Alejandro Espiño |
-
Rueda asegura que loitará "ata o final" por revalidar a maioría absoluta do PP
Por Alejandro Espiño |
-
O PPdeG pide o voto para o "partido que traballa, que é eficaz e que non promete nada que non poida cumprir"
Por Marisa Ciordia |