Despedida do ano para un Teucro que busca recuperar sensacións ante o Torrelavega
Por Diego Espiño
O Pavillón Municipal dos Deportes vivirá este sábado o último compromiso ligueiro do ano para unha Sociedad Deportiva Teucro que busca recuperarse tras encaixar dúas derrotas consecutivas.
Esquecido xa o cansazo da eliminatoria de Copa do Rei ante o Granollers, que lastrou aos azuis en Bordils, os de Javier Barrios reciben ao Balonmano Torrelavega (sábado 20:00 horas).
O obxectivo teucrista pasa por chegar ao parón ligueiro (non volverán competir ata o 18 de xaneiro ante o Barcelona B) nos postos de play-off de ascenso, e para iso deberán dobregar a un equipo, o cántabro, irregular no inicio de competición pero que mellorou co paso das xornadas.
O Torrelavega, antes do seu tropezo na casa a pasada semana ante o Benidorm, encadeara dous triunfos consecutivos, o que unido á experiencia do seu plantel fai que o bloque lerezano afronte a cita coa maior das precaucións.
Os azuis deberán ademais sobrepoñerse á baixa dun dos piares do equipo, o porteiro arxentino Juan Bar, convocado pola súa selección.
Ademais Barrios tampouco poderá contar cos lesionados Álex Pombo e Iván Fernández, se ben ambos os dous evolucionan favorablemente das súas lesións.
No caso de Pombo, a intención do extremo é reintegrarse ao grupo tras as vacacións despois de experimentar unha gran melloría na tendinite que arrastra no seu xeonllo, mentres Iván segue pendente da resonancia magnética para coñecer o alcance exacto dos seus problemas, aínda que parece descartarse unha lesión grave.
Tamén o Torrelavega chegará ao Municipal con algunha ausencia, como a do pivote Jadim Sour, operado recentemente do menisco, aínda que os cántabros se reforzaron co xogador danés de 19 anos Thor Larsen, internacional júnior co seu país que pode xogar no lateral ou o extremo esquerdo.
O encontro será arbitrado polos madrileños Arcos Adeva e García Camino.
DOUS QUILOS DE SOLIDARIEDADE
Aproveitando o partido ante o Torrelavega, o Teucro decidiu poñer en marcha unha iniciativa solidaria en beneficio do Comedor Social de San Francisco.
A entidade anima os seus afeccionados a acudir con alimentos non perecedoiros ao Municipal. Ademais cada socio poderá entrar cun acompañante de xeito gratuíto sempre que achegue polo menos dous quilos de alimentos.