Pontevedra aspira a organizar os campionatos de España infantil e máster de natación
Por Diego Espiño
O vindeiro venres, 15 de novembro, péchase o prazo fixado pola Federación Española de Natación para solicitar a organización das diferentes competicións nacionais a celebrar o próximo ano, unha circunstancia que Pontevedra non quere desaprovechar.
A intención do Natación Galaico, como club organizador, é optar á organización de dous campionatos de España, que se celebrarían na piscina do Complexo Deportivo Rías do Sur.
Por ese motivo o presidente do club, José Miguel Cano, xunto a José Ramón Meiriño e Hector Vilariño, responsables da Fundación Rías do Sur e a Asociación Amigos da Piscina, mantiveron unha reunión no Concello coa presenza, ademais de técnicos do Instituto Municipal de Deportes (IMD), de alcalde e concelleiro de Deportes.
Seguindo o criterio de buscar competicións cun alto volume de participación que poden xerar impacto na cidade, a primeira opción pasa por organizar o Campenato de España Infantil de Inverno e o Campionato de España Máster.
O primeiro deles reuniría na cidade a aproximadamente 700 nadadores do 27 de febreiro ao 2 de marzo de 2014, mentres o Nacional Máster, que se celebraría en febreiro pero do ano 2015, contaría coa presenza de máis de 1.000 deportistas, a tenor da cifra de inscripción da última edición celebrada en Barcelona (1.094 nadadores).
En caso de non poder acceder a estas dúas competicións tamén se pensou no Campionato de España Alevín de Verán, a celebrar do 10 ao 13 de xullo de 2014.
Para intentar avanzar nesta cuestión o alcalde de Pontevedra comprometeuse a chamar ao presidente da Federación Española, Fernando Carpena, para coñecer de primeira man as impresións dos responsables federativos antes de enviar oficialmente as respectivas solicitudes por escrito.