Problemas para o Pontevedra ante as inminentes obras en Príncipe Felipe
Por Diego Espiño
As obras de remodelación do campo de Príncipe Felipe son inminentes, despois de que a Deputación adxudique os traballos á empresa Covsa por valor de 472.650 euros.
Esta decisión supón un importante contratempo para o Pontevedra Club de Fútbol, que por un lado di adeus á herba natural para os seus adestramentos diarios e por outro despídese por unha boa tempada do principal escenario para a súa preparación.
Espérase que os traballos en Príncipe Felipe empecen en novembro
Dende o club granate xa se encargou ao director deportivo, Milo Abelleira, que busque alternativas, pero esa busca non está a resultar sinxela para manter o horario de traballo actual, principalmente pola tarde.
"La única solución por el momento es Pasarón cuando se pueda y A Xunqueira de 16:00 a 17:30", confirma o propio Abelleira, quen recoñece sen embargo que adestrar só hora e media "no es lo idóneo".
O Pontevedra contaba con poder ocupar habitualmente algún campo da zona, como o usado en pretempada en Zacande, Meis, pero encontrouse cun detalle inesperado, os adestramentos das categoría inferiores: "hablamos con algunos sitios pero a las 17:00 o 17:30 empiezan a entrenar los niños".
Milo Abelleira: "Somos unos privilegiados por entrenar siempre en hierba natural, pero eso se acaba"
Descartado Pasarón durante a época de chuvias para non danar en exceso o terreo de xogo, os esforzos centraranse tamén en intentar que o primeiro equipo poida adestrar polo menos unha vez á semana en céspede natural, aínda que teña que volver ás peregrinacións xa esquecidas por campos da provincia.
No fondo da cuestión está que o Pontevedra "nunca tuvo instalaciones propias, ése es el problema", segundo asegura o presidente José Manuel Fernández. Unha reflexión que amplía o director deportivo: "somos unos privilegiados por entrenar siempre en hierba natural, pero eso se acaba".
Fernández conta con que os traballos, que se encontran en fase de tramitación previa, comecen "aproximadamente a finales de noviembre".
En Príncipe Felipe, ademais da remodelación do campo de fútbol existente, está prevista a construción de dous novos campos de fútbol-7. Todos eles serán de céspede artificial.